Anxo Lorenzo: "É un referente na protección da lingua"

Alonso Montero: "Admiro o seu compromiso"

A celebración das Letras Galegas, que lembrará este martes a Manuel María en Outeiro de Rei, tivo este luns un preludio con actos que lembraron ao poeta por todo o país e declaracións de persoeiros como o presidente da RAG
O presidente da RAG, Alonso Montero
photo_camera O presidente da RAG, Alonso Montero

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, confesou que sempre admirou "o compromiso con Galicia de Manuel María", ademais de "a súa literatura, en especial a poesía". Manuel María Fernández Teixeiro é o autor elixido pola Real Academia Galega (RAG) para ser homenaxeado hoxe en Outeiro de Rei no Día das Letras Galegas.

Alonso Montero lembra con detalle a figura dun dos autores galegos que máis traballou, di: "Ten unha obra inxente, polifacética e poligenérica, que pasa por todos os xéneros e ámbitos".

"Somos contemporáneos e trateia Manuel María moito en Lugo a partir de partir de 1960 porque aínda que vivía xa en Monforte viña moitas veces a Lugo aos faladoiros. Eu fun desde 1960 a 1977 catedrático de Literatura nun instituto de Lugo", engade. Alí estableceron unha relación fluída na que comentaron múltiples temas da entón actualidade política e cultural, aínda que "non sempre con criterios semellantes". "Falamos moito de literatura, falamos moito de poesía, falamos de Galicia, con preocupacións sobre Galicia intensas por ambas as partes", continúa.

As diferenzas chegaron polo feito de que Manuel María "empezou a militar pronto no nacionalismo galego de esquerdas" e Alonso Montero é, desde 1962, "militante do Partido Comunista". "Por tanto, a nosa óptica desde o problema da lingua, o problema da cultura galega, o problema da estruturación política de Galicia, tiña diferenzas. O bo é que vivimos nunha sociedade plural", subliña.

"Sempre admirei o seu compromiso con Galicia. Admirei a súa literatura, especialmente a poesía. Sendo importante o seu traballo xornalístico, a súa obra narrativa e a súa obra teatral, creo que todo o mundo está hoxe convencido de que o gran legado que nos deixou foi a súa obra poética", prosegue.

Para Alonso Montero "é un gozo asistir este ano á presenza que teno protagonista das Letras Galegas nas aulas", a diferenza do que ocorreu en 2015. "O protagonista foi Filgueira Valverde, un erudito, un crítico literario, un investigador da literatura, que non ten nas aulas e menos entre os pequenos esa presenza que ten un poeta", abunda.

O autor chairego, ademais, "tivo a sorte de que lle puxeran música e, por tanto, de que tamén o cantaron", algo que non lograron "outros poetas, quizá non menos importantes". "Os versos de Manuel María teñen unha capacidade comunicativa especial. Esa capacidade comunicativa vese recitando un poema. Cando se lle pon música, esa capacidade comunicativa é tan grande que chega aos máis pequenos, e a algúns que nunca foron lectores de poesía", declara.

Agora o escritor "recibe unha homenaxe que merece a súa obra", pero esta iniciativa "está a facerlle un ben á causa da lingua galega, á causa da lectura en galego e á causa da poesía e a literatura en galego".

O presidente da RAG afirma que a poesía de Manuel María "é unha ferramenta de normalización lingüística"

A vinculación de Manuel María coa normalización lingüística continúa tras o seu falecemento de 2004 porque "a súa poesía chega a ámbitos e a espazos onde non chegan outros poetas e outros escritores".

"Os mozos que o len están non só aprendendo e perfeccionando o galego, estano interiorizando e estanse comprometendo con el. A súa poesía é unha ferramenta da normalización lingüística, máis que a doutros poetas que quizais non son inferiores, pero que non teñen esa capacidade de penetración en determinados ámbitos", conclúe.

EMPREGO. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou onte o traballo desenvolvido por Manuel María en apoio ao idioma propio de Galicia, polo que animou aos mozos a honrar a súa figura aproveitando as "oportunidades" que supón empregar esta lingua.

Valentín García participou na inauguración dunha exposición realizada no Instituto Rosalía de Castro de Santiago co gallo do Día das Letras Galegas. Sobre a mostra, ambientada nun bosque dentro do instituto, o secretario xeral destacou que Manuel María foi, "sobre todo, un poeta da natureza". "A súa poesía confúndese coa paisaxe, coa terra", destacou García, que agradeceu aos responsables do centro e aos alumnos o seu "traballo e dedicación" para realizar esta mostra.

Do mesmo modo, Valentín García apuntou que Manuel María fixo un importante labor de "dinamización" do galego, especialmente entre os mozos. Por iso, animou os alumnos a homenaxear a súa figura "empregando" o idioma galego e aproveitando o "montón de oportunidades" que ofrece en ámbitos como os vínculos coa lusofonía.

Comentarios