Alma de modisto triunfador

O mozo polense Sergio Díaz Marey está a estudar deseño de moda nunha escola na Coruña e soña con poder crear algún día a súa propia marca e desfilar con ela na pasarela Cibeles
Sergio Díaz Marey
photo_camera Sergio Díaz Marey

POL. Dende ben pequeniño, o polense Sergio Díaz Marey tivo claro cal ía ser o seu camiño profesional. «Gustábame andar coa roupa, xogar cos bonecos... Co tempo leváronme a unha mostra de Camariñas, un momento da miña vida que teño gravado, foi moi especial», di este mozo con alma de modisto triunfador, que xa conseguiu dar os seus primeiros pasos no difícil mundo da moda.

Co apoio da súa familia, que rexentou un bar en Mosteiro, matriculouse hai dous cursos nunha escola privada na Coruña. «Estou estudando deseño de moda, o meu soño», conta Sergio, mentres enumera algunhas das asignaturas ás que ten que facer fronte con todo o gusto do mundo.

«Aprendemos como utilizar os tecidos, fannos deseñar coleccións inspirándonos, por exemplo, en películas, tamén traballamos con ordenador, patronaxe, debuxo de figurines...», vai relatando este mozo, que hai apenas uns días saíu nun programa da televisión. E todo grazas ao seu blog.

O polense amosa os seus looks no blog ‘The icing on the fashion’ e pensa en abrir proximamente unha canle en Youtube

«No espazo ‘The icing on the fashion’ falo de moda, amoso os meus looks, pero tamén conto vivencias da miña vida en Pol, un pobo ao que estou moi arraigado. Aos da televisión chamoulles a atención e puxéronse en contacto comigo para gravar o programa», di o mozo, quen define esta experiencia como «algo xenial».

Ao fin, este pode ser un gran escaparate para Sergio, que sente auténtica devoción por modistos da talla de David Delfín ou Alexander McQueen, aínda que tamén barre para a casa, e destaca á lucense Sara Lage.

«Sei que é un sector difícil, no que hai moita competencia e no que é necesario traballar duro. Teño ganas de facer todo iso, xa que a miña meta, o meu soño, é poder crear a miña propia marca e desfilar con ela en Cibeles. É algo que me encantaría vivir», confirma este estudante, esperanzado en poder triunfar algún día, sempre coa bandeira do esforzo por diante.

Para darse a coñecer aínda máis, o mozo polense está a traballar na creación dun espazo novo na plataforma Youtube, unha ferramenta que empregan hoxe en día moitos apaixoados da moda e as tendencias.

Comentarios