Alfredo Llano: "A semipeonalización é a mellor fórmula para avanzar na humanización do pobo"

Un dos principais proxectos co que chegaron os socialistas ao goberno burelés foi o de cambiar a imaxe da localidade e niso traballaron ao longo deste tempo. Pero tamén dinamizaron a cultura, o deporte e o turismo e puxeron enriba da mesa ideas de futuro como a creación de zonas peonís ou novas infraestruturas, como un pavillón e a depuradora.

Alfredo Llano, no consistorio. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfredo Llano, no consistorio. JOSÉ Mª ÁLVEZ

PASOU DE ser alcalde nun bipartito co BNG durante catros anos a exercer na oposición durante outros catro tendo á fronte un goberno en maioría do PP. Foron catro anos nos que non deixou a política e ademais do seu papel na oposición foi deputado provincial. En 2015, Alfredo Llano volveuse presentar como candidato socialista cun equipo renovado co que acadou a maioría absoluta.

Que balance fai do mandato?

O logro que conseguimos é o de dinamizar de xeito notorio o concello. Prestamos unha atención absoluta aos veciños e canalizamos distintas actividades que no seu conxunto tiveron o efecto de darlle ese dinamismo que non tiña. En cuestións culturais acadamos un nivel sorprendente; no eido deportivo fixéronse eventos que atraen moita xente a Burela e ao mesmo tempo favorecemos o deporte base mellorando as instalacións deportivas; e no turismo temos as rutas xeolóxicas, que son moi recoñecidas, o barco museo é un atractivo extraordinario e as praias son dunha calidade excelente. Tamén lle demos unha volta aos espazos públicos para facer do pobo un lugar atractivo para os veciños e visitantes. Todo o que facemos é pensando, sempre, no ben común.

Un dos cabalos de batalla deste mandato está sendo a nova depuradora. Como avanza?

A depuradora actual xa non é suficiente para cubrir as necesidades de Burela, é moi antiga e non funciona ben. Estamos en contacto continuo coa Xunta, que xa está avanzando no proxecto para unha nova instalación que terá capacidade para uns 20.000 habitantes e un presuposto de nove millóns. Ademais queremos que sexa biolóxica e que teña un mantemento barato.

Un dos proxectos que ten en marcha é o dun novo pavillón.

Si, é unha necesidade urxente derivada tamén do dinamismo deportivo que hai no pobo. Neste caso, o Concello achegará o que poida, pero haberá que buscar financiamento no resto das administracións. Finalmente, farase no Camiño dos Colexios e aínda que nun primeiro momento levantaremos o pavillón, imos deixar espazo para no futuro facer unha piscina. Tamén queremos acondicionar aparcamentos.

Unha das cousas das que falou dende o principio foi a reorganización do mercado semanal. Avanzaron neste tema? Mover o mercado de sitio conleva moitas variantes e hai que pensalo moi ben. É certo que temos avanzado un regulamento porque o que queremos é un mercado grande e fortalecido e tamén seguro, pero a súa redistribución é complexa e hai que abordala con todas as garantías.

Manteñen a idea da peonalización de certas rúas?

Un dos nosos obxectivos é humanizar Burela ao máximo, é dicir, reducir a presenza de tráfico para favorecer o paseo dos peóns pola rúa. Neste momento pensamos que a semipeonalización sería a fórmula máis axeitada, de feito xa reducimos a velocidade a 30 kilómetros por hora nalgunhas rúas e seguirémolo facendo noutras.

Cunha nova gardería aberta o curso pasado segue habendo lista de agarda.

A lista de agarda véxoa con optimismo, porque significa que gañamos poboación. É unha pena que a nova escola non se fixera con máis prazas, pero sen dúbida estudaremos a maneira de darllas porque as garderías son necesarias para facilitar a vida laboral das familias. Burela é un pobo que conta con todos os servizos dunha pequena cidade e ten que seguir contando con eles e aumentalos para que sexa un lugar atractivo para que as familias se instalen a vivir e así seguir gañando poboación.

Algunha idea que lle quede no tinteiro para este tempo que queda ata as eleccións?

Queremos dinamizar economicamente Burela. É preciso favorecer que se asenten negocios, comercios e industrias. Vamos traballar man a man co porto para defender a calidade dos nosos produtos. Unha das cousas negativas dos últimos anos foi a perda da área sanitaria da Mariña e vou intentar recuperala porque fou unha inxustiza enorme que non vai favorecer a comarca.

MOI PERSOAL ► "A moción de censura era un cambio político necesario"

Como foi a volta á alcaldía e con maioría absoluta?

Na miña primeira etapa de goberno co BNG fixemos unha boa labor, pero houbo unha crise económica, política e social coa que se veu todo abaixo. Aquelas eleccións perdémolas por sete votos. Volver agora con maioría absoluta foi un orgullo persoalmente porque é un recoñecemento á labor feita e contar coa confianza dos veciños, e iso énchete de satisfacción.

Tiña claro volver presentarse?

Non, a verdade é que tiña decidido volver ao instituto no que daba clase, pero fíxose unha enquisa na que a valoración cara a miña persoa, independentemente da cor política, era moi positiva e iso animoume a presentarme outra vez. En política é imposible ter a todo o mundo contento, pero hai que ter claro que o beneficio ten que ser para o conxunto da poboación.

Resultoulle complicado formar un equipo totalmente renovado e de xente nova?

Agora é complicado reunir xente que queira entrar en política, pero tal e como está o país é preciso que na política se integre xente con preparación e con vocación.

Volverase presentar?

Xa veremos. É unha decisión da que xa se está falando, pero non está nada decidido.

Como ve a moción de censura?

Era necesario o cambio político. Estabamos indo cara unha sociedade limitada, con medo e poucas posibilidades. A moción foi o primeiro escalón para esa rexeneración que deu como resultado a constitución dun bo goberno.

Curiosidades Conta con 9.524 habitantes, con 43 anos de media
O concello de Burela é o máis pequeno da comarca da Mariña —conta con 7,8 kilómetros cadrados— pero tamén un dos máis poboados, con 9.524 habitantes, dos cales 4.727 son homes e 4.797 son mulleres. Ademais, é un concello onde conviven máis de 40 nacionalidades, cun alto nivel de intregración. Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (Ige) reflicten que a poboación extranxeira é de 1.028 persoas.
Economía
O sector servizos é o que ten ocupada a maior parte da poboación burelesa, seguido da industria e do sector primario, principalmente a pesca, posto que o de Burela é un dos principais portos do Cantábrico e o muelle boniteiro por excelencia. De feito, foi arredor do porto como se artellou o crecemento da localidade. Ao igual que está pasando no resto da comarca, nos últimos anos o sector turístico está experimentando un importante crecemento e proba diso é o aumento dos establecementos hoteleiros.

Más en A Mariña
Comentarios