Alfonso Villares, alcalde de Cervo: "A residencia significa un servizo novo e oportunidades laborais"

O último mandato en Cervo estivo marcado pola posta en marcha de proxectos coma a residencia, que levaba tempo feita ou o centro de emprendemento de Sargadelos, que se convertiu no emblema da aposta patrimonial do equipo de goberno

Alfonso Villares, no parque de Cervo. IRIA L. V.
photo_camera Alfonso Villares, no parque de Cervo. IRIA L. V.

Máis de vinte anos despois de entrar na política, Alfonso Villares, alcalde de Cervo (PP), conserva a ilusión do primeiro día. Doce anos como concelleiro, primeiro no grupo da oposición e despois do goberno, e con tres mandatos ás súas costas en canto remate este, é un firme defensor do municipalismo e vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e presidente da comisión de medio ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).

Que balance fai deste mandato?
Positivo, porque se levaron a cabo moitas das cousas que nos plantexamos. Algunhas das máis salientables foron a posta en marcha da residencia e centro de día, que é un servizo novo que lles vai reportar moitos beneficios aos veciños, as inversións en redes de abastecemento e de saneamento nas aldeas e tamén se tomaron medidas significativas como a baixada de impostos a grande empresas, que foi un dos motivos polo que a piscifactoría ubicada no polígono de Cuíña se decidiu en parte a investir 16 millóns de euros na planta e levar a cabo a cría de lenguado, o que supón a creación de 25 postos de traballo. É dicir, fixéronse inversións pero tamén se tomaron decisións que repercuten dun xeito positivo na vida dos veciños.

Se tivera que destacar algo do traballo deste anos, que sería?
O centro de día e residencia, porque ofertamos un servizo para atender aos nosos maiores preto da casa, xa que os cervenses teñen preferencia á hora de acceder a unha praza, e tamén polo que significou de creación de emprego e de movemento para a economía local.

Cervo conta cun concelleiro de patrimonio, por que esta aposta?
Dende o goberno decidimos apostar polo aspecto patrimonial desde a súa perspectiva turística, porque o patrimonio que temos é unha riqueza neste sentido. Somos donos dun patrimonio importante vinculado a Sargadelos, que nos da un nome que chega fóra das nosas fronteiras e partindo deste punto quixemos darlle forza ao aspecto patrimonial.

En Sargadelos crearon un centro de emprendemento que acaba de botar a andar.
Sargadelos precisa que haxa actividade continuamente porque iso dalle un valor engadido e os emprendedores que alí se instalen tamén van favorecer que máis xente se achegue e por iso apostamos por este centro de emprendemento. Pero ao fío disto, quedan máis cousas por facer porque hai moitos edificios públicos aos que é difícil darlles vida e a mellor forma é abrilos á iniciativa privada.

Seguindo co patrimonio, tamén actuarán na zona da Atalaia.
A zona da Atalaia contará cun plan de protección especial no que se van poñer en marcha unha serie de medidas nas zonas públicas e tamén noutras.

Tamén hai patrimonio cultural.
Si, por exemplo os circuítos culturais da praia do Torno que recordan a actividade das canteiras de San Cibrao. É importante poñer en valor o patrimonio cultural para que podan aproveitalo as xeracións futuras.

Unha das súas liñas de traballo tamén é a conciliación.
É algo no que tamén invertimos, porque pensamos que é fundamental. Por iso temos programas de conciliación en distintas épocas do ano e aumentamos a capacidade da escola infantil.

Que proxectos ten en mente para o que queda de mandato?
Vamos apostar polo I+D+i. Xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia imos crear un espazo de investigación de drons en zonas marítimas no polígono de Cuíña. Tamén teño ilusión por recuperar, embelecer e protexer a zona da Atalaia e estamos traballando en humanizar varios espazos públicos para mellorar a súa imaxe e facelos máis accesibles. En realidade temos moitas ideas que iremos analizando nestes meses para intentar levalas a cabo.

Outra das cousas que puxo en marcha foi a contratación de xoves con bolsas Feuga.
Si, apostamos por este tipo de formación porque lles permite aos máis novos achegarse ao mundo laboral unha vez que acaban os seus estudios. É unha experiencia que está sendo moi positiva.

Moi persoal: A miña ilusión e seguir exercendo como alcalde

Leva dende 1995 na política, pero parece que conserva a ilusión.
Si, teño moita ilusión por seguir facendo cousas e sigo con ideas que quero sacar adiante.

Iso significa que repetirá como candidato en 2019.
Gustaríame repetir. Cando sexa o momento de tomar esa decisión, falarase e decidirase pero pola miña parte teño ilusión de seguir desempeñando o meu traballo no eido público.

Ten cargos na Fegamp e na FEMP, gustaríalle un cargo na administración provincial ou autonómica?
Tanto a Fegamp como a FEMP están vinculadas ao municipalismo. Son representante dos concellos do PP nestes órganos e estou orgulloso de desenvolver ese traballo. As dúas cousas son compatibles coa actividade da alcaldía. O meu traballo é o de alcalde e seguir exercendo como tal é a miña ilusión.

Dentro da FEMP preside a comisión de medio ambiente e iso tamén se nota nas decisións que toma no Concello.
En materia de medio ambiente fomos un Concello que estivo á vangarda. Estamos traballando neste ámbito dende fai moitos anos e non nos empezamos a preocupar por iso a raíz da ola de incendios que sufriu Galicia o ano pasado. Levamos reforestadas unhas 20 hectáreas de terreos municipais con árbores autóctonas e esta é unha aposta de futuro, non só polo que implica de beleza natural para o municipio senón polo que implica para as xeracións futuras e tamén para o desfrute e o benestar da veciñanza.

Curiosidades
Conta con 4.274 habitantes, con 49 de media
O concello de Cervo conta cunha superficie total de 77,9 kilómetros cadrados e está conformado por seis parroquias: Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, San Román de Vilaestrofe e Sargadelos. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige) correspondentes ao ano pasado, conta con 4.274 habitantes, dos cales 2.097 son homes e 2.177, mulleres. A media de idade achégase aos 50 anos ao fixarse en 49,9.
Economía
A multinacional Alcoa, ubicada entre este municipio e o de Xove, marca en grande medida a economía cervense. Ao redor da alúmina tamén se foron creando distintas industrias auxiliares, o que fai que este sector teña un peso significativo na economía local. Pero tamén se desenvolve actividade na construcción, no sector primario e nos servizos, onde se concentran a meirande parte das empresas. Unha das características da maior parte das firmas asentadas na localidade e que son de pequeno tamaño.

Comentarios