Alfonso Hermida: ''Unha TVG pública e en galego é unha necesidade para este país''

Alfonso Hermida (Foto: AEP)
photo_camera Alfonso Hermida (Foto: AEP)

Alfonso Hermida, un deses xornalistas de vocación convertido en todo un símbolo da TVG, estará o venres en Muimenta para pregoar unha nova edición da Moexmu, unha feira que cumpre 27 anos, erixíndose nunha das máis antigas de Galicia.


o xornalista Alfonso Hermida, unha das caras máis coñecidas da TVG e un símbolo da canle autonómica -polos seus anos á fronte do programa deportivo ‘En Xogo’ e, na actualidade, por ser o condutor do ‘Telexornal Serán’-, inaugurará este venres, ás 19.00 horas, coa lectura do seu pregón a vixesimo sétima edición da Moexmu de Muimenta, unha das feiras máis antigas de Galicia e, nas súas verbas, «un gran motor dinamizador da zona».

Pregoará o venres a feira multisectorial Moexmu de Muimenta. Que conexión ten con Cospeito? Sorprendeulle a súa elección?

Con Cospeito, directamente, non teño ningunha conexión, agás as habituais de ter feito moitas visitas de carácter turístico e de ser convidado polo Concello hai moitos anos para participar nunha charla futbolística. Con Terra Chá, sen embargo, moitísimas. A familia do meu pai é de Vilalba, concretamente da parroquia de San Martiño de Lanzós, polo que as conexións que existen son moi íntimas.

Ten todavía familia en Vilalba? Garda moitos recordos de infancia na capital chairega?

Aínda teño familia en Vilalba, aínda que cada vez menos. A maior parte dela trasladouse á Coruña. Dos que quedaron, algúns, desgraciadamente, xa non están. Pero aínda queda unha representación máis que digna. As lembranzas da infancia son as das festas patronais, as das reunións multitudinarias,con moitos curmáns para xogar e con sitios a descubrir que, para un neno ‘urbanita’ coma min, eran un auténtico paraíso.

Que lle parecen as citas tradicionais como a Moexmu? Ten xa perfilado o que destacará no seu discurso?

Son, sen dúbida, un gran motor dinamizador da zona. O rural galego está moi necesitado de eventos como a Moexmu e é de destacar e de aplaudir que despois de tanto tempo se manteña a ilusión de facer unha feira que, ano tras ano, vaise superando a si mesma. Para mín é un orgullo que contasen comigo para inaugurar a edición deste ano.

Xornalista dende moi novo, comezou na radio cando tiña 15 anos. Non pode negar que o seu é vocacional...

Non o nego, todo o contrario, reivindico a miña forma de entender o xornalismo desde a vocación para non decaer nos malos momentos, que sempre os hai. Eu tiven claro desde moi cativo que quería dedicarme a contarlle ós demais as historias de cada día. Son un afortunado por ver cumprido o meu soño.

Que é o máis importante do xornalismo? Que papel xoga dende o seu punto de vista?

Creo que ás veces non nos decatamos da ferramenta que temos entre as mans. O xornalismo cóase no día a día de millóns de persoas e iso, que é a súa gloria, é tamén o que o converte nun bocado apetitoso para os poderosos. O xornalismo leva na súa gloria a propia penitencia. De aí que os políticos busquen sempre o xeito de poder influír nos medios de comunicación. Deberíamos ter esto moi presente e non decaer na batalla contra a manipulación, nin na tentación de xogar a ser políticos. Hoxe en día o xornalismo de carné está moi espallado e iso é unha auténtica traxedia para o noso oficio.

Deu o salto á televisión e o seu nome vai dende aquela parello ó da TVG para moitos. Despois de problemas laborais na canle autonómica e algunhas batallas nos xulgados, que destaca do servizo público dun medio de comunicación como é a televisión galega?

A empresa sobrevivirá a tódalas persoas que pasamos por ela, polo que o bo nome e a historia da TVG nada ten que ver cos problemas laborais dos seus traballadores. O servizo público é inherente a todo medio de comunicación. Se, como é o caso, engadimos a tarefa de normalizar e fomentar o uso dun idioma, creo que a TVG é unha necesidade para este país. Unha TVG pública, sempre pública, por suposto.

Ve a privatización da TVG como unha posibilidade a medio ou longo prazo?

Ogallá que non o vexamos.

Como definiría o seu traballo diario como condutor do ‘Telexornal Serán’?

O día a día é realmente esgotador. Aínda que a quenda laboral non empeza ata as dúas da tarde, o equipo de edición do ‘Telexornal Serán’ está activo desde as nove da mañá. É unha pequena trampa que agocha a quenda da tarde. Digamos que tes que chegar cos deberes aprendidos para peneirar a información da mañá e, se é posible, darlle unha volta para que non pareza unha repetición. Desde que chegamos tivemos claro que este informativo tiña que ter a súa propia personalidade. Partimos do traballo dos compañeiros da mañá, evidentemente, pero loitamos día a día para que o ‘Telexornal Serán’ deixe a súa impronta particular.

Antes, e durante varios anos, levou o programa deportivo ‘En Xogo’. Bota de menos a adicación exclusiva aos deportes ou é máis satisfactorio poder falar un pouco de todo?

Gústame moito a información deportiva, pero tamén a política. Xa hai cinco anos que estou en informativos, pero aínda leo con avidez as páxinas de deportes dos xornais. As dúas parcelas da información son satisfactorias. Non me importaría volver á información deportiva.

Co seu traballo conseguiu o premio Mestre Mateo ó mellor comunicador da televisión no ano 2004. Como recorda aquilo e que supuxo ese recoñecemento para a súa carreira?

É un deses momentos en que te decatas da trascendencia do teu traballo. Ese recoñecemento veu de parte do sector audiovisual, polo que o premio é, se cadra, maior. Ademais, era a terceira edición dos premios. Antes recollérano as dúas grandes referencias da historia da TVG: Xosé Ramón Gayoso e Xosé Manuel Piñeiro. Recollelo despois deles dous foi, sen dúbida, unha honra.

Fixo coberturas especiais de diversos acontecementos, coma o éxito de Óscar Pereiro no Tour de Francia de 2006, o especial das eleccións municipais no 2007 ou a visita do Papa a Galicia, entre outros. Cal foi o máis satisfactorio?

Sen dúbida, o máis satisfactorio foi cubrir as eleccións, por todo o que supuxo de aposta tecnolóxica de primeira orde para a TVG e polo grande éxito de audiencia que tivemos.

DE PRETO
«Cáese na tentación de chegar primeiros á noticia co risco de cometer erros polo camiño»

Se non fora xornalista, sería...

Unha alma en pena.

Que noticia recorda como a máis complicada de dar?

Sempre son moi complicadas as que se acaban de producir. A inmediatez é inimiga da claridade e do rigor, e moitas veces caemos na tentación de chegar primeiros na carreira da actualidade co risco de cometer moitos erros polo camiño. Soe ser habitual que cheguen datos confusos, polo que hai que ser moi coidadosos ao transmitilos. Nos casos de violencia machista, e de sucesos en xeral, é moi doado caer na inexactitude. Son, sen dúbida, as máis complicadas de dar xunto as novas en que hai rapaces polo medio.

E algunha que lle gustaría poder narrar ós seus televidentes?

Este ano, o ascenso do Lugo (risas) e, sobre todo, a luz ao final do túnel para tantas familias que o están a pasar moi mal.

Ten moitas anécdotas dos directos? Hai moitas tomas falsas?

Daría para estar horas e horas falando. Desde ataques de risa incontibles e imposibles de dominar ata momentos de quedar en branco e non atinar coa palabra axeitada. É o noso día a día.

Que tal leva o de o que o coñezan pola rúa? Agobia ou é satisfactorio?

Afortunadamente, o meu grao de popularidade permíteme pasear sen agobios por Galicia adiante. Non fago máis que agradecer a amabilidade coa que a xente se achega a min. Pero, créame, non é nada agobiante.

Comentarios