Alfonso Blanco e a súa "verba total" entran no Paseo dos Soños de Vilalba

A familia e numerosos amigos arroupárono na inauguración do seu Hectómetro Literario

Aí, nese Paseo dos Soños de Vilalba do que foi precursor, ao pé dun "dos meus mellores amigos", o Magdalena, atópase xa perpetuada a figura de Alfonso Blanco Torrado, esa"verba total que nos impulsa a vida", cun Hectómetro Literario de seu, o número 13, porque cando se trata de homenaxear a un "creador de conciencia social, de paz, de ilusión e de esperanza", non hai oco para a superstición.

"Sempre que veño aquí, síntome máis comprometido coa xente desta vila na que atopei mestres que me axudaron a ser o pouco que son", dicía o protagonista, arroupado por un gran aplauso, entre múltiples agradecementos por unha homenaxe que o abrumaba e o ilusionaba a partes iguais, unha "fervenza de amizade e de solidariedade" que os achaques sufridos fixeron que vise "cos ollos do corazón, que é a ollada máis certeira".

E así , o coordinador da asociación cultural Xermolos de Guitiriz tamén puido observar, e escoitar, aos moitos amigos que este sábado verbalizaban múltiples cumpridos nunha "festa" que deixaba pequena a casa da cultura de Vilalba, na que Mero e David Otero entablaban un diálogo para celebrar a un "home de moitas empresas que cotizan á alza", un militante "da vida" que serve de "cohesión entre a xente" e que "nunca recuou nin recúa" ante a adversidade.

"Que sería de nós de non haber colectivos como Xermolos e a Irmandade Manuel María", preguntábanse Mero e David nunha intervención á que daba resposta Roberto Santamariña, un daqueles mozos que recibían hai 42 anos en Guitiriz a un crego de 26 anos que chegaba disposto a traballar por e para a xente, a ser "o faro que nos guiou e nos abreu os ollos naqueles tempos escuros".

Seu irmán Xerardo púxolle voz ao sentir do sangue de Manolo e de Rosalía, e fíxoo contando un conto sobre "como escribir dereito con liñas tortas"

A asociación Xermolos e a súa biblioteca, os cursos, as xornadas, os Reis, o Entroido... e outro sin fin de iniciativas a prol "da música, da cultura e da arte" foron xurdindo co paso dos anos, coma esa feira e festa "que Alfonso nos regalou para sempre no primeiro fin de semana de agosto", o Festival de Pardiñas.

Proxectos que tiveron que superar atrancos, porque as institucións non sempre están aí. Este sábado si. A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, flanquearon a Alfonso coa súa presencia e as súas palabras. "Tivo unha maneira especial de conectar coa xuventude de Guitiriz e de descubrir as necesidades que tiña o pobo", recoñecía Polín sobre un home "que nunca perdeu esa capacidade de traballo nin de servizo aos demais".

Como "artesán do pensamento chairego" ou "arquitecto de múltiples iniciativas" definíao Baamonde, dando conta da "profunda pegada" dun "condutor de xentes e pastor de almas" que foi quen de "dinamizar socialmente esta terra e de crear conciencia social".

Fíxoo tamén, quizais sobre todo, no ámbito que escolleu como oficio e como guía de vida, o ser crego, unha especialidade compartida con Rubén Aramburu, quen fixo fincapé nese espírito de comunidade creadora xerado por Alfonso, co "nós" sempre por bandeira, porque "ser líder non consiste en colgarse medallas ou títulos e esa é súa riqueza e a súa grandeza, o facer un traballo xeneroso sen agardar os aplausos, eses chegan sen buscalos".

Este sábado foron moitos, e a gran familia creada por Alfonso quixo compartilos coa que el xa traía consigo dende o berce. Seu irmán Xerardo púxolle voz ao sentir do sangue de Manolo e de Rosalía, e fíxoo contando un conto sobre "como escribir dereito con liñas tortas", o relato dunha ave na busca dunha Chaira, a da "chaira vital" de cada quen.

Ese agradecemento eterno por un labor inabarcable non só se sentiu en verbas faladas e recitadas nas voces de Luz Campello, Villar Janeiro, Rábade Paredes, Otero Canto, Fernández Abella..., senón tamén nos ritmos de intérpretes de sempre, coma Raúl Galego ou Miro Casabella, e dos sons que soan futuro, coma os de Abel Pena ou dos Ceibes.

E todo o dito e escrito este sábado, en homenaxes pasadas e en citas vindeiras, coma a que haberá o día 19 en Guitiriz, resúmense en dúas palabras, tan simples como significativas: "Grazas, Alfonso".

Comentarios