Imprimir

Alfonso Blanco reivindica un rural vivo e a "forza" da cultura en Eira da Xoana

El Progreso de Lugo | 21 de Octubre de 2018

Alfonso Blanco (esquerda) durante o acto en Eira da Xoana. EP
Alfonso Blanco (esquerda) durante o acto en Eira da Xoana. EP

Ducias de persoas asistiron en Palas a un emotivo acto con poesía e música na honra a este creo chairego, impulsor do festival de Pardiñas

"A forza da nosa cultura é a que sostén as raíces do noso país. Actos coma este demostran que o noso rural está vivo e ten máis fortaleza e enerxía que os movementos urbanos", estas foron as verbas coas que o crego Alfonso Blanco Torrado se dirixiu onte ás ducias de persoas que asistiron á emotiva homenaxe celebrada na súa honra na finca que o colectivo Eira da Xoana ten na parroquia palense de Ramil.

O evento, organizado coa colaboración de Adega, arrancou ao mediodía cunha comida de confraternidade. Xa pola tarde celebrouse o acto central no que se descubriu unha placa cunha imaxe e un texto de Blanco Torrado, quen tamén foi obsequiado cunha peza de cerámica e unha figura de bronce que representaba a simbiose entre a natureza e as palabras.

Desde os colectivos organizadores resaltaron a labor do párroco chairego, impulsor da asociación Xermolos e do Festival de Pardiñas, "a prol da cultura galega e da xente máis necesitada". No transcurso da xornada distintas personalidades como Mero Iglesias ou David Otero leron varios poemas e a música tradicional amenizou a xornada.

Numerosas persoas de toda a comarca e de diversos colectivos chairegos acompañaron neste día tan especial a Alfonso Blanco, quen agradeceu este recoñecemento e salientou "a fermosura" da finca da fundación Eira da Xoana "que non só se atopa no corazón xeográfico de Galicia, senón que fai emerxer o noso sentimento máis profundo de amor á terra".

Este evento enmárcase nunha serie de homenaxes a personalidades significativas da cultura galega que Adega e Eira da Xoana organizan desde o ano 2012. Leopoldo López, Moncho Valcarce, Francisco Carballo, Pepe Chao ou as irmás Wirtz Molezún foron os outros recoñecidos.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/comarca-lugo/alfonso-blanco-reivindica-rural-vivo-forza-da-cultura-eira-da-xoana/201810211325381339794.html


© 2018 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)