Imprimir

Alepo, o berro de Leiro

Ramón Rozas / La vida en un hilo | La vida en un hilo / A vida nun fío

El Progreso de Lugo | 01 de marzo de 2018

Intervención de Francisco Leiro en Arco. ZIPI
Intervención de Francisco Leiro en Arco. ZIPI

Francisco Leiro soubo a través da potencia da súa escultura dar conta dunha das traxedias máis miserábeis do noso mundo desapiadado

Talla o cambadés Francisco Leiro o horror e o noxo da guerra de Siria reflectida nese Alepo devastado. Unha devastación miserábel que estes días volve á actualidade polos civís mortos en Guta, na que hoxe permitirase abrir un corredor humanitario para calibrar a deshumanización á que foi sometida nas últimas xornadas. As bombas sobre nenos trouxéronnos de novo esas portadas de días pasados, coas que o primeiro mundo lava as súas conciencias durante dous ou tres días, ata que o paso do tempo ou algunha das nosas parvadas decote afasten o foco da traxedia. Agora é Guta, pero antes foi Alepo, e nela fixouse o noso protagonista para facer coas súas mans berro. Para levar ata Arco, feira das vaidades, a capacidade da arte para reflectir o noso mundo, para revolverse ante o que acontece, para xerar dúbidas e axitar así a unha sociedade que debe ter na arte un medio de excitación e alarma. Desacougadoramente hai moitos que non o entenden así, e ven a arte como un perigoso elemento de subversión social, algo que rasca a súa fina pel, e obrigan a que a arte se meta en caixóns. Censura en forma de libros, censura en forma de obras que se descolgan das paredes dunha exposición ou censura tapándolle a boca dende a cadea a algún rapeiro que non pasa de ser un maleducado, pero non un delincuente.

A tensión deses corpos enfiados ao longo desas columnas, corpos tinxidos polo brancor dun pó que emerxe das ruínas da destrución, é a tensión que lle falta ao noso mundo para respostar axeitadamente ás súas obrigas morais. A vergoña da interminábel guerra de Siria, esquecida tralo show da imbecilidade do presidente dos Estados Unidos, acougada baixo a complicidade do presidente Putin e narcotizada por unha Europa preocupada nas súas leas domésticas, converteuse en inspiración para ese Sísifo confuso con que o creador, Aser Álvarez, nomeou nun filme a súa figura e o traballo, reflectido na teima diaria por enfrontarse ao material, para ser quen de contar cousas a través dunha imaxe, un propósito tan sinxelo como complexo e que obriga, cada vez que se inicia unha obra, a pelexar co material, a tentar ver o que hai dentro del e desprezar todo aquilo que sobra.

Nese documental amósase como nunca antes a Francisco Leiro e, vendo esta instalación que a través da Galería Marlborough  situouse no stand do xornal  El Mundo, e que de xeito miope non se viu noutros xornais, agás o do organizador, decatámonos do poder da arte para visibilizar o que somos dende unha mitoloxía tantas veces empregada como esperanza na obra do escultor pero que cando se adica a mirarlle aos ollos ao noso mundo non fai máis que converterse en laio, nun berro orgánico que nos somerxe na nosa propia vergoña. A acta notarial tridimensional dun espazo de convivencia que nos adicamos a esnaquizar por unhas poucas moedas sen pensar no custo de vidas e de danos á nosa presuntuosa condición de especie evolucionada.

Arco pechouse baixo o balbordo da censura e de alí saíu o traballo de Francisco Leiro, a recuperación da identidade do artesán dende a pegada do primitivo, quizais o mellor xeito de representar o inhumano que hai tras as cidades arrasadas, esculpidas polo terror do home na procura do dominio dunhas almas que aquí chántanse nun piar, como aquel no que viviu o santo Simón ata a súa morte nese mesmo Alepo do que xa só queda po, morte e agora unha escultura.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/ramon-rozas-vida-hilo/alepo-o-berro-de-leiro/201802281744331297977.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)