Alejandro Vargas e Félix Slim levarán o blues á montaña no CourelSon

O festival ofrecerá concertos de balde todos os venres de agosto a partir das 20.00 horas

Guitarras eléctricas
photo_camera Guitarras. EP

Nos lusco fuscos de agosto, o val do río Lor terá banda sonora de jazz e blues. A segunda edición do CourelSon levará a música á montaña durante todos os venres do mes ás 20.00 horas. A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza este festival que se celebrará en diferentes recunchos da zona.

O primeiro venres do mes, o blues de Félix Slim soará en Folgoso do Courel. Recén chegado de Nova York para unha xira por Europa, este gaditano de nacemento leva anos vivindo na meca do blues. Folgoso convertirase durante este solpor nunha sorte de Nova Orleáns.

O seguinte concerto será o 9 con Alejandro Vargas Trío en Paderne. O recoñecido pianista cubano, acompañado da súa banda, ofrecerá un concerto único na terra dos músicos do Courel. Vargas foi elexido mellor pianista de jazz cubano antes de fixar a súa residencia en Compostela. Todo un luxo para a aira do Quintairo padernesa.

Seceda será o escenario no que actuarán Edu Manazas & Whiskey Tren o día 16. O ano pasado foron os encargados de inaugurar o festival. Este cuarteto madrileño quedou tan prendado dos escenarios e das xentes que quixeron repetir experiencia. Edu Manazas foi definido polas revistas especializadas coma "o único cantante de blues da Península". A súa voz desgarrada soará como as rúas do Chicago dos anos 60.

Rafa Fernández Cuarteto tomará o relevo o venres 23 en Parada. A banda presentará o seu último traballo A cara bonita da pedra, no que destaca o son delicado do guitarrista de Noia.

O CourelSon pechará esta edición o 30 de agosto en Seoane do Courel. Os encargados de clausurar serán José Luis Pardo & The Mojo Workers. O arxetino é un dos guitarristas de blues máis recoñecidos a nivel internacional e leva media vida en escenarios de cidades coma Nova York, Moscú ou Johannesburgo. Un gran final de festa para un festival co que se pretende amosar os pobos que habitan a Serra.

Ademais, nas mañás dos sábados seguintes a estes concertos organizaranse rutas temáticas nas que coñecer a riqueza etnográfica, xeolóxica ou ecolóxica da zona. Para isto, colaboran a fundación Oso Pardo, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Micolóxica Lucus e tamén a do Xeoparque Mundial Montañas de O Courel.

Estas rutas serán gratuitas e a única condición para poder anotarse nas mesmas será a de facerse coa camiseta do CourelSon 19.

Comentarios