Alba Díaz: "Puxen o foco no que sente unha muller agredida"

A artista fotografa vítimas do machismo en María Violencia, expostas en Vieiros de Lugo
Alba Díaz, diante de fotografías da mostra. SABELA FREIRE
photo_camera Alba Díaz, diante de fotografías da mostra. SABELA FREIRE

Alba Díaz non sabe onde está unha fotografía importante por fundacional. Nunha excursión escolar déronlles cámaras de usar e tirar e animáronos a usalas. Alba cubriu unha amiga con follas deixando a cara ao descuberto. Gañou o concurso.

Ese día intuíu que captar imaxes permite contar a realidade do xeito no que a percibía e que debía quitar esas imaxes a persoas coas que tivese un entronque sentimental.

Hai uns anos fixo unha serie sobre mulleres que se estaban duchando, Miradas na ducha. As modelos son a nai, as irmás, unha sobriña, amigas,... "Para min a ducha é un reduto de liberdade. Nela libérome das máscaras, as conscientes e as inconscientes. Así que decidín explorar ese espazo artisticamente". No campo puramente estético recoñece "a auga, o vapor, a soidade... como elementos poderosos".

"O que busco nas fotografías é plasmar a soidade, a obediencia, o medio, a depresión das mulleres maltratadas"

A partir desa serie, que define como "a luz", preguntouse "pola sombra", que é o sufrimento da muller. A cruz da primeira mostra é María Violencia, que pode verse na galería Vieiros (Ruanova, 135) de Lugo ata mediados do vindeiro mes. A exposición que a complementa, Miradas na ducha está colgada no instituto Basanta Silva de Vilalba, despois de ter pasado polo Cárcere Vello de Lugo hai un par de anos.

María Violencia é unha serie de 16 fotografías que Alba Díaz fixo no pasado febreiro xunto coa súa amiga María Cendán. Son imaxes en branco e negro nas que aparece unha muller volvendo a cabeza ou erguendo as mans para defenderse dun agresor. As imaxes forman unha secuencia na que o movemento da rapaza se vai acelerando. A figura aparece sobre un fondo neutro e gris, de varios matices de claridade que ten como función manter a atención do visitante á mostra no que a creadora nacida en Vigo e residente en Lugo quere transmitir.

"O que busco nas fotografías é plasmar a soidade, a obediencia, o medo, a depresión", explica a creadora, que tamén desenfoca imaxes para amosar o "trasfondo emocional do maltrato, a confusión" e para buscar o efecto que tería "unha imaxe desenfocada polas bágoas e pola confusión da vítima".

Engade que "quería poñer o foco no illamento, no que sente a vítima, na soidade,... para que a persoa que ve a fotografía se poña no seu lugar". Esa intención explica a sinxeleza das obras tanto de composición "como de fondo ou de elementos que aparecen".

Alba Díaz defende a compatibilidade de denunciar un asunto "duro" e presentar que "nesa dureza hai beleza", que a fealdade moral non ten por que representarse con fealdade estética.

"O covid-19 foi unha coartada para invisibilizar ás mulleres"

A artista lembra a gravidade do problema ao dicir que 35 mulleres foron asasinadas no que vai de ano por unha agresión machista, unha cifra que suma 1.068 dende que se rexistran. Pregúntase como non denunciar esa violencia "sendo muller e feminista?".

A necesidade da denuncia viuse agravada pola pandemia, que encerrou no ámbito doméstico moitas mulleres durante moitas horas co seus agresores. Advirte que o covid 19 foi "unha coartada para invisibilizar ás mulleres", polo que alenta a "buscar unha vacina contra o machismo".

María Violencia ía ser inaugurada o pasado 12 de marzo, "pero houbo que aprazala". O cambio que se produciu dende aquela é que o perigo para as vítimas de malos tratos por parte de homes "agravouse".

Comentarios