"Aínda fóra do Concello fomos o único partido que fixo oposición"

A candidata do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez, confía en obter uns bos resultados nas vindeiras eleccións municipais. Defende que o Bloque ten no municipio unha base social moi ampla e cita entre os proxectos a mellora das infraestruturas, o saneamento da ría ou manter a poboación no rural

La concejala del BNG de Viveiro, Miriam Bermúdez. AEP
photo_camera Miriam Bermúdez. AMA

Miriam Bermúdez foi a primeira candidata confirmada para as eleccións locais de Viveiro polo BNG, un partido actualmente sen representación na corporación municipal despois de que os tres edís electos en 2015 deixasen o partido e continuasen no grupo de non adscritos.

Como foi o proceso interno do BNG de Viveiro para recompoñerse nestes últimos anos?
O feito de que se foran os tres edís foi simbólico porque quedamos sen representación no Concello, pero o BNG ten moita base social, non eran só eles, é un organismo que funciona de maneira asemblearia e que ten moitas  persoas detrás. A pesar de que haxa que visibilizar unha cabeza, o BNG nunca se quedou a cero, ten moita xente e moi veterana como Paco Luis Rodríguez Guerreiro ou Gloria Rouco, que tamén é un piar importantísimo. A pesar de non estar na corporación o BNG sempre estivo presente, facendo mocións ou algunha iniciativa, propoñendo algo para a mellora dos veciños e do Concello, sempre activo e sempre funcionando.

Pode adiantar algo da súa candidatura?
Está practicamente pechada. Dos número 2 ao 20 teñen que pasar polas tres asembleas, a local, a comarcal e a nacional, é un proceso que leva tempo e estamos neso.

Que expectativas teñen de cara ás eleccións?
O primeiro de todo é volver a ter a representación que tiñamos na corporación, renovar a confianza dos votantes e veciños e a partir de aí xa veremos o que acadamos. Creo que imos ter uns bos resultados, podemos dicir que o BNG foi o único partido que fixo algún tipo de política de oposición ao goberno municipal, porque vemos que as outras tres forzas non teñen iniciativas.

Que proxectos lles gustaría impulsar se acadan responsabilidades de goberno?
Algo que necesitamos mellorar é a nosa conexión co resto do país, mellorar da mellor maneira posible a conexión coas autoestradas e darlle vida ao tren, que poida funcionar con máis horarios e máis liñas para que sexa de verdade un eixo vertebrador non só do concello senón da Mariña. Tamén está pendente un tema moi importante como é o saneamento da ría, reivindicamos que se poña en marcha o proxecto que está feito, que tiña fondos europeos e non avanza. Tamén nos preocupa o rural, pois neste concello gobernan para o casco, cando Viveiro ten moita parroquia e están totalmente abandonadas, non hai políticas para manter a poboación nestas zonas.

Están facendo distintas reunións sectoriais, con que obxectivo? 
Queremos contar cos veciños para a elaboración do programa de goberno, saber que cousas é necesario modificar ou crear, e quen mellor cho pode dicir é unha persoa que estea metida nesa temática. Fixemos reunións de deportes, de cultura, de muller, de educación e de ámbito social, este venres imos facer unha de fomento do emprego e aínda queda algunha sesión pendente de medio rural ou medio ambiente.

Cal e o seu vínculo con Viveiro? 
Moi estreito dende sempre, a pesar de ser nacida en Xove (Xuances, 1988) fun estudar bacharelato ao IES Vilar Ponte, mentres estudei as oposicións estiven traballando en Galipizza e vivindo en Viveiro, onde sigo tendo a miña residencia habitual. Xa de mestra estiven traballando nos colexios de Covas, Lois Tobío e Landro. Agora polo concurso de traslados tocoume traballar en Santa Comba, pero o ano que vén volvo concursar e xa agardo estar de volta na zona.

Como decidiu entrar na política?
Sempre tiven un seguemento da política porque se tes un mínimo de criterio non che gusta que te gobernen, queres saber o que pasa, ser crítica coa realidade. Sempre foi unha temática que me interesou e cando te vas facendo maior pensas que algo haberá que facer polo futuro do país.

E por que se integrou no BNG? 
Un dos valores principais que ten o BNG é o feminismo, podemos dicir que é un dos partidos que ten unha muller como cabeza e no partido en si a porcentaxe de mulleres é moi elevada. O segundo é que non hai un partido que defenda tanto a nosa lingua, o noso patrimonio e a nosa identidade como nación.

Vostede estivo na organización dos actos do 8M na Marina, como o viviu este ano?
Logo do 8M houbo en tres días tres asasinatos de mulleres de novo, o patriarcado segue aí vixente. Porén a xornada foi moi positiva, cunha participación cada vez moito maior e vexo que a xente empeza a despertar, que as mulleres se van empoderando e facéndose valer, defendendo que hai que repartir tarefas e que teñen que ter tempo para elas mesmas e non só estar sempre pendentes dos demais. Este é un movemento que vai ir medrando pouco a pouco.
 

Comentarios