A escavación dos Escouredos apunta á existencia dun importante edificio romano

A intervención pretende contextualizar os restos aparecidos nuns sondeos para instalar unha torreta dunha liña eléctrica hai un ano

 

2020071817513951590
photo_camera Vista xeral das escavacións de Escouredo. CRISTINA PÉREZ

O pasado castrexo e romano na provincia de Lugo é tan amplo e importante como probablemente descoñecido. En zonas próximas ao que foi Lucus Augusti, como en Castro de Rei, co castro de Viladonga como gran referencia, ou Pol, cun campamento militar romano de case 14 hectáreas en Silva, non é raro que escarvando un pouco na terra xurda algunha peza arqueolóxica que poñer en valor.

2020071817514116900Algo así ocorreu no lugar de Os Escouredos, na parroquia de Coea, en Castro de Rei, hai aproximadamente un ano durante uns sondeos para a instalación dun poste da liña eléctrica que une a subestación de Ludrio e o parque eólico de Corvelle, na Pastoriza, que promove Naturgy. Neles, atopáronse uns restos arqueolóxicos que nestes días se están analizando dentro dun estudo combinado de prospección xeofísica e traballo de campo co obxectivo de contextualizalos no tempo e na historia.

E é que hai historiadores que apuntan a que o emperador romano Teodosio I O Grande (Cauca, Hispania, 346-Milán, 395) tivo a súa cuna neste lugar da Terra Chá, pero de momento non hai evidencia que o demostre. Ata o de agora, os achados semellan apuntar a que se podería estar ante un edificio «de bastante entidade, como unha vila grande» enmarcada no período entre os séculos II e IV, a falta do estudo definitivo.

2020071817514128400"Nas dúas sondaxes dun metro de profundidade xa aparecían dous muros e moito material romano, pero non sabiamos o que había. Nesta escavación que facemos en 40 metros cadrados, apareceron, despois dunha capa de entre 40 e 50 centímetros, máis muros romanos, que dividen varias estancias. Neste espazo apareceron cinco", explica Manuel Lestón, da firma Arkaios, encargada da intervención, que finalizará a mediados da vindeira semana.

En dúas apareceron dúas especie de lareiras, unha delas moi chamativa para os arqueólogos. Ten cinco lousas de tégula alargadas que forman un cadrado de pouco máis dun metro cadrado. Sobre elas, hai catro pilastras feitas con ladrillos e, no interior, cinzas con algún resto óseo que se analizará en laboratorio.

"Esta lareira está apoiada nun pavimento feito de tégula machacada, unha especie de arxila, típica dos romanos", apunta Lestón, que di que, pese a non ter chegado aínda aos solos de ocupación de todas as estancias, está aparecendo moito material, "sobre todo de derrubes e moita tégula".

2020071817514170400Cerámica común, 'terra sigillata' -cerámica de maior calidade- e algo de vidro foron outros achados, aínda que tamén predomina a escoura de redución de ferro. De aí o nome, seguramente, dos Escouredos neste lugar.

E é que xa se tiñan nocións de que na zona había unha mina romana de ferro e agora non se descarta que esta construción puidese estar relacionada. Con todo, haberá que esperar os resultados definitivos das análises de laboratorio e da prospección xeofísica, que se espera que estean listos a finais de ano.

Análise de 3.000 metros cadrados
Nos Escouredos traballou tamén durante cinco días un equipo de prospección xeofísica, que fixo unha magnética e outra cun xeorradar recollendo datos dunha superficie duns 3.000 metros cadrados. "Teñen que procesar os datos, pero na súa valoración inicial din que hai máis estruturas no contorno", apunta Lestón.
Colaboración
A intervención neste lugar nace dunha colaboración entre unha empresa privada e a administración. Patrimonio pediulle a Naturgy que se fixese cargo dos traballos para contextualizar os restos aparecidos nos sondeos para a liña eléctrica. Unha vez se teñan as conclusións definitivas, o futuro do xacemento dependerá dunha decisión administrativa.
Outros achados
Uns veciños da zona atoparon preto deste lugar hai uns 60 anos tres columnas moi antigas. Hai un ano, outro veciño, Esteban Tojo, fixo un achado casual na contorna dos Escouredos, unha pedra de escórea e un ladrillo que depositou no museo de Viladonga.

 

As imaxes que aparecen neste artigo fan referencia, de arriba a abaixo a:
Dúas lareiras/Moitas incógnitas
A aparición desta especie de lareira creou bastante sorpresa entre os arqueólogos e considérana bastante particular. A segunda está delimitada por dúas lousas de granito.
Tégula/Do máis abundante
As pezas que se están sacando maioritariamente son tégulas, ademais de material de derrube, o que fai pensar que a estrutura superior do inmoble, o tellado, veuse abaixo..
Cerámica/Pouca decoración
A cerámica común que apareceu ata agora correspondería a vasillas globulares, co fondo plano e, case todas lisas, sen apenas decoración. Tamén se localizou cerámica máis fina.

Comentarios