Adrián Canoura, director: "Queremos difundir este tipo de cine independiente na comarca"

No marco da Feira do Bonito sitúase a primeira mostra galega de cine marítimo  Ultramar, que permite visualizar cinco cintas ata o sábado. A cita tentará plasmar o que acontece no mar a través do universo audiovisual e descubrindo a paisaxe cinenmatográfica contemporánea

Adrián Canoura. PABLO USEROS
photo_camera Adrián Canoura. PABLO USEROS

AS HISTORIAS do mar collen protagonismo en Ultramar, a primeira mostra de cine marítimo da comarca e das primeiras de Galicia, que aproveita o contexto da Feira do Bonito de Burela para dar a coñecer filmes de carácter independente con actores e directores principalmente galegos no salón de actos da cofradía de pescadores burelesa, dende este xoves ata o sábado. O realizador e director de cine burelés, Adrián Canoura, leva a batuta desta cita cinematográfica, que segundo recoñece xorde de establecer un complemento á feira que transcorre estes días ao tempo que se busca incentivar a circulación de cine no entorno mariñano. A película Crebinsky xunto a un coloquio co actor galego —e codirector neste caso— Miguel de Lira inaugurarán o evento cultural ás nove deste xoves tarde.

Todas as proxeccións están relacionadas co mar baixo a pretensión de "descubrir camiños novidosos no cine" cunha temática que xira en torno ao mar.
Efectivamente, todas as películas que se van a proxectar, cinco en total, teñen cadansúa miniperspectiva relacionada co mar. Vikingland, por exemplo está vencellada ao traballo no mar, ao igual que Lupita que foi elaborada a partir de material descartado da anterior; Crebinsky pola contra é máis surrealista, por dicilo dalgunha maneira; Dead Slow Ahead tamén se adentra nun viaxe dun cargueiro que atravesa o océano. Incluso proxectamos un documental, Escamas, Sangue! que relata os acontecementos da coñecida popularmente coma Guerra do Bonito. Todas son miradas e narrativas diferentes con historias de temáticas marítimas.

De onde xorde a iniciativa de levar a cabo esta mostra?
A pretensión principal é sumar actividades a esta Feira do Bonito, pero tamén o que se busca é poñer en circulación o cine na comarca. O cine que predomina nesta zona é o comercial e o convencional, a penas se ten constancia de que existe outra modalidade. Polo tanto, cómpre aproveitar este tipo de eventos tradicionais para difundir este tipo de manifestacións culturais independentes e que mellor sitio que Burela para dar a coñecer esta temática específica de cine marítimo.

Estamos contentos de achegar este evento a Burela e esperamos que a xente sexa receptiva a ver as nosas propostas

Seleccionaron cinco filmes de directores concretos. Existe tamén un motivo para isto?
A intención, como xa dixen, é lograr proxectar filmes co mar como temática e dende unha mirada diferente. Os directores das mesmas gardan certo paralelismo na súa forma de narrar. Xurxo Chirro, Breixo Llano, etc., están traballando dunha maneira moi similar entre eles, mellor dito entre nós. O carácter independente e autoral está vixente na proxección de cada un. Ademais temos xente en común e olladas similares no mundo cinematográfico. Todos queremos amosar estas películas máis lonxe, de cara ao público. Por outra banda, en canto aos filmes xurdiu Crebinsky, a cal inaugura a mostra por ser a máis diferente, quizáis, de todas, e tamén porque era un pouco a que máis publicidade tiña por contar con un reparto de actores coñecidos, como é o caso de Miguel de Lira, que mañá (polo xoves) estará en Burela e por iso este filme tentará facer de gancho.

Ultramar é a primeira edición desta mostra de cine marítimo, como pensan que vai funcionar?
Realmente é a primeira edición, e polo tanto tamén é o primeiro paso para nós. En clave de humor aludimos a que é unha fase beta neste tipo de eventos. Aínda así, estamos contentos e ilusionados e esperamos que a xente se abra e acceda a esta modalidade de cine, posto que desta maneira estaríamos cumprindo outra das nosas premisas, focalizada en dinamizar as proxeccións culturais deste tipo.

Qué papel xoga Raso Estudios nesta ocasión?
Raso é unha plataforma que temos uns compañeiros e máis eu de natureza cultural. Isto, xunto as ganas de facer algo relacionado con cine marítimo, puxo en marcha Ultramar. Hai moitas proxeccións de temáticas xeralistas, pero neste caso específico, que non se coñece ningunha outra en Galicia, o que se pretende é que se vexa que este proxecto nace en Burela, levando o nome deste porto pesqueiro a outras partes .

Comentarios