Adrián Ben: "Faime graza porque agora vou pola rúa e vexo como a xente di 'ese é o que corre'"

O atleta viveirés recolleu este venres o premio que o distingue como Deportista Lucense do Ano 2019
Adrián Ben, co premio ao deportista lucense do ano. SEBAS SENANDE
photo_camera Adrián Ben, co premio ao deportista lucense do ano. SEBAS SENANDE

Adrián Ben Montenegro, que xa o ano pasado se quedara ás portas de conseguilo, pero fora superado no esprint final por Jorge Prado, recibiu desta volta o apoio maioritario dos lectores do xornal El Progreso, superando a figuras como o propio Prado, Saleta Fernández, Esther Castedo e Majo Corral.

O recoñecemento dos seus paisanos é un bo broche para a fantástica temporada que firmou o de Viveiro, pechándoa en Doha cunha estratosférica actuación que o levou ata a sexta praza dos 800 metros lisos do Mundial.

Que supón para vostede este premio?
É unha gran alegría porque todos os premios son sempre ben recibidos e agradezo un montón todo o apoio que se me está dando.

Está contento con todo o apoio recibido no último mes?
Si, si, moi contento e agardo que tamén sexa similar nos momentos malos porque unhas veces as cousas saen ben e outras mal.

Tiña ganas xa de que chegaran as vacacións ou visto o estado de forma case podía durar algo máis a campaña?
Non, non, está ben que chegaran as vacacións porque 13 meses de tempada fanse longos e o corpo necesita tamén unha pequena desconexión e é importante darlle descanso.

Vai parar de todo ou xa está empezando a adestrar?
Pasei unha semana en Doha sen facer nada, esta en Viveiro tamén foi de descanso completo e para a próxima xa comezarei a adestrar pouco a pouco. Volverei ao paseo de Viveiro, que espero que estea alí toda a vida.

Que valoración fai da tempada?
Eu penso que foi moi boa. Estivo ben, non? (risas).

Foi consciente mentres estaba en Catar da repercusión?
Eu ao mellor non moito. Sabía cousas que pasaban porque mas dicían meus pais, pero tampouco era moi consciente porque estaba centrado no que tiña por diante.

Empezou a darse conta da popularidade que ganou?
Faime graza porque agora vou pola rúa e vexo como a xente di: ese é o que corre (ri).

Chegou ao Mundial de Doha coa trixésima sexta mellor marca de todos os participantes. Realmente vía clasificarse para a final como unha opción factible?
Home, está claro que non e eu mesmo me sorprendín. Se alguén realmente pensaba que me ía meter na final, que levante a man. As cousas como son, non era imposible pero si moi difícil. Cando me preguntaron que firmaba antes de empezar a competición, dixen que meterme na final porque sempre hai unhas mínimas posibilidades e hai que explotalas. Estábame atopando moi ben adestrando e decidín apostar por unha estratexia en cada carreira e saíu ben.

Foron as tres mellores carreiras da súa traxectoria?
(Reflexiona) Parece que xa foron hai un mes... Penso que corrín ben e cando corres ben no momento axeitado, todo se multiplica. Parece que eres deus. ‘Buah, como corre este rapaz’, di todo o mundo, mentres que fai dous meses algúns dicían que quedara fóra da final dun campionato sub-23 por non ter nin idea de como correr un 1.500. O atletismo é así, un día sae mellor e outro peor.

Que se sente nos momentos previos a unha final mundialista?
Eu estaba contento, tranquilo e sorría. Cando íamos para o estadio, Arturo (Martín, o seu preparador) dicíame: ‘Disfruta porque esta vez eres el chaval que se coló en la final, pero para la próxima vez ya serás el finalista del anterior Mundial’. Ese día ía feliz porque era todo ganancia para min, fixera o que fixera.

Estaba convencido de que non ía quedar último?
Si, seguro. Pensaba que moi fastidiado tería que estar para quedar último porque estes van saír a tope e algún vai rebentar fixo.

E despois da primeira volta seguíao pensando?
Cando pasei polo 400 díxenme ‘uff, ao mellor se me complica a cousa e quedo último’ (risas), pero logo vin que podía pasar a un e ao final vin que outro máis ía xusto e metín o peito case sobre a meta para adiantalo.

O ano 2020 vén cargado de competicións con Mundial en pista cuberta, Xogos Olímpicos e Europeo ao aire libre. Asusta ou motiva?
Motiva, pero agora mesmo veño do Mundial e sobre todo apetéceme desconectar. O obxectivo van ser sen dúbida os Xogos e non creo que haxa que cambiar moitas cousas da preparación nin volverse tolo por eles. Farei o de sempre e se saen ben, perfecto, e se non sae, pois haberá outros dentro de catro anos.

Este venres, para vir recoller o premio, repetiu unha viaxe que fixo multitude de veces para adestrar. Acordouse desas viaxes entre Viveiro e Lugo cando estaba na final?
Claro! É o primeiro no que penso, en todo o esforzo que fixeron os meus pais por min. Pasoume igual en Grosseto (Italia) cando conseguín no Europeo sub-20 a primeira medalla internacional. Estaba meu pai alí e díxenlle: ‘Papá, de estar correndo en Lourenzá a isto ou de estar facendo un 1.000 en Lugo a correr este campionato’. Son cousas que levo interiorizadas de tanto esforzo e de dar tantas voltas polo paseo pensando que algún día correría a final dun Mundial ou que sacaría unha medalla.

A Mariña segue sen ter unhas pistas de atletismo. É tanta tolemia que haxa polo menos unhas na comarca?
Non, todo o contrario. Son necesarias ao 100%. Non sabemos a gran cantidade de nenos que estarán perdendo a oportunidade de facer deporte, de levar unha vida saudable e que poden saír igual que saín eu. Paréceme un despropósito que non as haxa e é tirar moitas carreiras deportivas ao lixo, pero se os que moven os cartos non teñen ganas de facelas, nós pouco podemos facer.

Que mensaxe lle mandaría aos rapaces que están empezando?
Pois que isto é unha carreira de fondo sempre e que hai que pasalo ben, divertirse e facerlle caso ao adestrador, que é o que sabe. Haberá días que nos apetecerá adestrar menos que outros, pero hai que ir sempre para mellorar.
 

EN CURTO: "Son máis de películas que de series"
Comida preferida. Pulpo á galega e zamburiñas.
Bebida. Nestea ou auga.
Series ou películas? Películas. Gústame que acaben as tramas, non que queden aí abertas. Película preferida? The Equalizer (El Protector), porque sae Denzel Washington, o meu actor preferido.
Mar ou montaña? Mar.
Estilo de música. Gústame de todo. Desde reguetón para saír a bailar ata Fito ou Sabina. Tamén me gusta o rap e escoito a dous galegos, Pablo Arce e Hard GZ.

Comentarios