Adeus da Fonsagrada á lendaria polbeira Ramona do Caldeira

O bar familiar, que rexentou co seu irmán Alfredo, era lugar de referencia para os afeccionados ao polbo á feira de Lugo e Asturias

A Fonsagrada dá o seu último adeus este luns á súa lendaria pulpeira, Ramona Alfonso Dorado, coñecida como Ramona do Caldeira, que co seu irmán Alfredo abriu o bar O Caldeira en 1954 e o converteu nun lugar de referencia para os afeccionados ao polbo á feira.

Ramona aprendeu a preparar o cefalópodo coa súa nai Amparo, que tamén foi cociñeira e adoitaba a facelo por encarga. A filla mantivo viva a tradición familiar ata 1991, ano no que xubilou con 68 anos. O establecemento foi traspasado, pero mantén vivo o seu prestixio. No comedor do local pódese ver unha foto desta muller, que era toda unha institución na vila. O boca a boca fixo do O Caldeira un punto de peregrinación para clientes procedentes de distintos puntos da provincia de Lugo e da veciña comunidade asturiana.

Quen coñeceron a Ramona Alfonso Dorado aseguran que preparaba o polbo dun xeito tan sinxelo como sublime. No seu punto de cocción e feito no momento. Se a isto lle engadimos que O Caldeira tiña fama de servir porcións xenerosas, a un prezo razoable, é lóxico o tirón deste histórico negocio.

Ramona cumpriu na súa vida a máxima de toda cociñeira, qué e dar boa comida.O Caldeira era un bar típico, onde os máis madrugadores podían degustar o cefalópodo ás dez ou ás once da mañá. Moitos clientes lembran a activa Ramona non só ao pé do caldeiro do polbo ou nos fogóns, senón tamén servindo xarras de viño e racións cando era necesario.

FAMILIA COÑECIDA. Ramona Alfonso Dorado pertencía a unha familia moi coñecida na Fonsagrada, onde o seu pai exerceu como policía local. Ademais de Alfredo, co que dirixía o bar familiar, outros irmáns seus tiñan negocios na localidade. Carlos e Manolo eran donos de carnicerías. Inocencio foi crego e exerceu como formador no Seminario de Lugo, ademais de estar a cargo de varias parroquias, entre elas a de Santiago A Nova en Lugo. Pepe, o máis novo, traballou como primeiro oficial do Concello da Fonsagrada, onde se ocupaba de cuestións relacionadas coa tesourería. É o único dos irmáns da finada que vive.

Ramona Alfonso Dorado deixa tamén tres sobriñas, Carmen Alfonso Méndez e Amparo Alfonso Rancaño, que son investigadoras no campus da Universidade de Santiago en Lugo, e Dolores Alfonso Rancaño, que é directora dunha sucursal bancaria, tamén na capital lucense. O funeral en memoria de Ramona Alfonso celebrárase ás 17.00 horas na igrexa parroquial da Fonsagrada. Ao seu remate está prevista a condución do féretro desde o Tanatorio Regueiro ata o cemiterio fonsagradino.

Comentarios