Abondarán mil palabras

Jack Whitehall é un famoso e novo cómico británico de 28 anos que leva o seu flemático e conservador pai británido, de 77, viaxe polo surleste asiático

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

QUE RELATOS se poderían escribir se a linguaxe tivera só mil palabras? Estou convencido de que as nosas mans e ollos falarían máis alto, e se cadra a súa ambigüidade nos botaría unha man cando as palabras que se oxidan e tornan ácedas. Se tivera que buscar unha solución a estes tempos, teríaa moi clara. Deixen as palabras e anímense a facer o ridículo. Ou cando menos, recoñezan que xa o estamos facendo.

OÍDO. Hai uns días tiven a que debeu ser unha das ceas máis interesantes dos últimos meses. Marco García Quintela presentoume a Roberto Trotta, cosmólogo e director dun dos centros de investigación do Imperial College de Londres, e os tres ceamos nunha Casa Marcelo ocupada, literalmente, por congresistas estranxeiros. Trotta está moi preocupado por achegar a astrofísica á poboación xeral e a revista Foreign Policy outourgoulle a distinción de pensador global por un curioso libro seu, The Edge of the Sky (O límite do ceo; Basic Books, 2014), no que dá conta das últimas teorías científicas sobre o cosmos empregando unicamente as 1.000 palabras máis usadas do inglés, entre as que non se contan, por exemplo, nin "universo", nin "científico", nin "telescopio". O de Trotta vai alén da destreza lingüística. É un exercicio de simpatía.

GUSTO. Ante o espectacular cabracho fritido de Casa Marcelo, Trotta explicoume outra das súas liñas de divulgación. Explicar o universo a través da gastronomía. Ensinoume as fotos dunha focaccia de olivas que levedaba como unha clarísima analoxía do proceso de expansión do universo, no que as olivas eran os astros. E faloume das súas experiencias para explicar os cegos de nacemento as leis do Universo a través da textura e o sabor. Nesta gastronomía actual, na que todo o mundo tenta vender algo, pregunteille a Trotta se daría unha charla explicativa con todas estas metáforas. "Non", explicoume el, "estou nunha fase aínda de conceptualización. Non está listo". Ás veces, o método científico pode converterse nunha ética.

TACTO. Pásmame como aínda seguimos organizando os relatos dos nosos imaxinarios contemporáneos en termos binarios, ao xeito dos vellos relatos mitolóxicos. Uns e outros, branco e negro, ben e mal. Hai quen se aproveita diso e sabe empregalo. Poriso interésame a ciencia e o modo de pensar que nos ensina: porque nela as verdades absolutas apenas existen e nin sequera se conciben, e os heroes dos contos dubidan en voz alta coma se foran benditos malvados con tacto de veludo. Máis ciencia, por favor.

OLFACTO. Estou lendo unha novela magnífica: Inquietud en el Paraíso (Ediciones del Viento), de Óscar Esquivias. Como non coñecín antes a este home? É a historia dunha expedición ao Purgatorio de Dante, guiada por un cóengo tolo, no Burgos da preguerra civil. Magnífica literatura, malia o cheiro demasiado próximo do tumulto e a intransixencia. Irónica, rupturista, precisa como un parágrafo de Flaubert, lúcida, alén das trincheiras.

VISTA. Vexo con gran divertimento unha nova serie documental de Netflix: Jack Whitehall: Travels With My Father. É un famoso e novo cómico británico de 28 anos que leva o seu flemático e conservador pai británico, de 77, de viaxe polo sur - leste asiático. O gancho é o contraste xeracional. A serie pertence a ese xénero no que un famoso inglés fai felizmente o ridículo público en terra allea. Hai outras xoias similares, como a etílica Oz and James's Big Wine Adventure, con dous maduros, coches, catas e viñedos franceses. Benvida sexa a xente que sabe facer o ridículo con consciencia e está disposta a celebralo.

MEDO. Hai libros que son o seu título. Falo de Geopolítica de las series, o el triunfo global del miedo, do politólogo Dominique Moïssy. Un libro lixeiro, que se le dunha patada e pretende sacar leccións sobre o estado de ánimo do mundo occidental a través de Xogo de Tronos, Homeland, House of Cards e Downton Abbey. A lección básica é que Occidente está desnortado e rexido polo medo, ante a crise das democracias clásicas e a desestabilización de Oriente Medio. Ou sexa, nada que non se teña xa dito nos sesenta, nos setenta ou nos oitenta. Sen discutir —demasiado— esta afirmación, teño a sensación de que o mellor das series ficaron fóra da análise, nalgures nunha galaxia de apenas mil palabras.

Comentarios