Opinión

A guerra do Iemen

Como pode a comunidade internacional, a Unión Europea, en concreto, permitir tal grao de indecencia social e política? É tolerábel tan alto nivel de impunidade?

O CUSTE HUMANO da guerra do Iemen, tantas veces esquecida, ten as seguintes cifras inmediatas, actualizadas a día de hoxe: 24 millóns de persoas que precisan axuda humanitaria, 2,2 millóns de persoas obrigadas a fuxir dos seus fogares e 394.000 nenos e nenas menores de 5 anos que sofren malnutrición. O número de mortos no conflito, dirixido e financiado por Arabia Saudita, xa supera as 230.000 persoas, das cales 140.000 foron nenos. Esta é a sangrante realidade. 

Xa hai uns anos Noam Chomsky denunciaba a colaboración co réxime ditatorial islámico de Arabia Saudita por parte dos EE.UU., Gran Bretaña e Francia; interesados, por suposto, no petróleo, mais tamén vendedores de decenas de miles de millóns de dólares en armas. E agora a Organización das Nacións Unidas culpa expresamente de crimes de guerra no Iemen a Washington, Londres e París, sinalados como cómplices ao teren participado no masivo apoio armamentístico brindado a Riad na súa guerra do Iemen. Aínda máis, a Onu acaba de comunicar a través dun informe, feito público nos últimos días, que os países que subministran armas e apoio loxístico á coalición liderada polo goberno saudita contribúen de forma directa, ademais de sementar a morte, como resulta evidente, ao sufrimento e á fame extrema da poboación civil que sofre a guerra dende hai xa cinco anos. 

O certo é que a día de hoxe cométense no Iemen crimes de guerra e graves violacións de carácter humanitario, o que inclúe bombardeos indiscriminados, detencións arbitrarias, asasinatos, torturas, violencia sexual e, por se fose pouco todo o anterior, un bloqueo sistemático ao acceso á axuda humanitaria. Dito doutro xeito: no Iemen viólase gravemente o dereito internacional humanitario, o que constitúe un desprezo absoluto pola vida humana. 

E xorde, inevitábel, unha pregunta. Unha vez pronunciada a Onu, como pode a comunidade internacional, a Unión Europea, en concreto, permitir tal grao de indecencia social e política? É tolerábel tan alto nivel de impunidade? Pódese pór en perigo, ollando para outro lado, a supervivencia de 24 millóns de seres humanos sen auga, medicinas e alimentación? A guerra do Iemen e o terror asociado a ela constitúe unha das grandes vergoñas actuais da humanidade. E, se non paramos este espanto, a comunidade internacional, incluída España, tamén vendedora de armas, ficará tinxida de vergoña para sempre. 

Comentarios