35 anos de loita polo patrimonio

A Asociación de Amigos dos Museos concedeu o premio Pedra do Destino a José María López Ferro, o presidente da fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, polo seu labor cultural 
José María López Ferro, na entrega do premio PEdra do Destino. EP
photo_camera José María López Ferro, na entrega do premio PEdra do Destino. EP

"Este premio é un recoñecemento ao traballo de moita xente e a un labor de 35 anos", resume José María  López Ferro, o presidente da fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, tras recoller o premio Pedra do Destino 2019, que lle outorgou a asociación Amigos dos Museos pola súa loita e salvagarda do patrimonio.

"José María é dos bos e xenerosos, que aínda van quedando algúns", expresou o historiador Felipe-Senén López no acto de entrega do premio, celebrado esta fin de semana na Coruña, onde destacou ese traballo en prol "dun pequeno patrimonio que é grandioso", que fixeron "pequenas individualidades" abrindo museos etnográficos como o Monte Caxado, das Pontes, "rescatando pezas pouco a pouco" e "facendo o que non facían as propias administracións". 

No acto, o homenaxeado fixo un repaso pola historia do museo, "do nacemento á situación actual", dende aquel proxecto que naceu cando chegou como mestre ao colexio que lle dá nome, tras o seu paso pola  Capela, onde xa había museo etnográfico, ata hoxe, que se converteu nun museo independente no barrio da Vila.

"Este premio, ademais dun recoñecemento, é un pulo nestes momentos", recoñeceu López Ferro, que indicou que o Pedra do Destino inclúe un galardón de 1.500 euros para a fundación. Falou de retos e frontes abertos
como a dixitalización do arquivo fotográfico, que continúa medrando, a ampliación de vitrinas e mobiliario, novas actividades e publicacións ou "o soño utópico" de seguir ampliando e rehabilitar máis espazos na Vila.

O museo reabriu as súas portas no casco antigo pontés o pasado mes de marzo e xa pasaron máis de 1.700 persoas polas novas instalacións. "O reto en principio é continuar e seguir existindo", resume López Ferro no que semella algo fácil, pero que esconde moito traballo detrás. Porque o museo é algo vivo que nunca deixa de medrar.

"Dende que se inaugurou xa van máis de 150 pezas máis nos expositores. Houbo máis doazóns e outras
pezas que se van restaurando", explica.

O museo etnográfico ten xa novas actividades previstas.
Obradoiro de pandeiro
Carlos do Viso, de Redondela, impartirá o sábado 23 deste mes un obradoiro para ensinar a construir pandeiros de man, A actividade será de 12.00 a 13.30 horas (teoría) e de 15.30 a 19.30 (práctica). O prazo de inscrición está aberto ata o 19 no número 698.14.88.90. 
Caderno sobre peches
Dende a fundación xa traballan no segundo caderno, que se centrará nos peches tradicionais das fincas. A idea é que estea rematado a final de ano. 

Comentarios