"Non sabía que Whoopi Goldberg collera 'PeiXes', crin que era un cine"

Unha curta do coruñés Juan Carlos Pena Babío, seleccionada para o festival de Tribeca. A peza conta a lenda dun aventureiro que quere descubrir "que hai máis alá do mar"

O protagonista de 'PeiXes'. EP
photo_camera O protagonista de 'PeiXes'. EP

Juan Carlos Pena Babío (A Coruña, 1966) leva un mes sen dormir o que lle reclama o corpo porque estaba preparando unha peza audiovisual para unha multinacional da roupa asentada en Arteixo. "Hai cinco días que me chamaron de Promofest para anunciarme que PeiXes fora seleccionada para o festival de Tribeca. Dixéronme que era un certame de primeira, que era moi importante", comenta como se falase dunha dixestión que esquecera de facer. Este mércores estreaba a encarga de Inditex e nada debería distraelo porque a previsión de horas na cama era xa a máis baixa de marzo.

Tribeca merece unha chamada persoal dunha promotora que manexa centos de filmes para colocalos en festivais. PeiXes foi visto "en corenta festivais de todo o mundo, en países como México ou Brasil, e levou un premio no de La Almuina (Zaragoza)".

Pero Tribeca está feito de materiais máis luxosos e prestixios maiores. Foi fundado por Robert de Niro en Nova York tras os atentados do 11 de setembro do 2001 e na selección participan grandes figuras de Hollywood. O realizador apunta que "é o máis coñecido de todos".

Este ano houbo un récord de participación, con 5.131 curtametraxes aspirantes, das que foron seleccionadas 63. A actriz Whoopi Goldberg escolleu dúas propostas españolas -PeiXes e La noria, de Carlos Baena, sobre un rapaz ao que lle presta debuxar-, sobre as que considerou que "amosan relatos imaxinativos e artes cautivadoras".

"Lin algo sobre Whoopi Goldberg, pero pensei que era a sala de cine na que se ía proxectar. Seleccionou ela a curta?", pregunta este martes Juan Carlos Pena Babío atendendo coa metade da alma á responsabilidade e coa outra metade á gloria.

O relato imaxinativo de PeiXes é a lenda contada por un peixe vello aos novos sobre outro que abandonou a seguridade da cova na que vivía para saber que había "ao outro lado do mar". O aventureiro ve unha luz moi arriba,na superficie do mar e, sen dubidalo un instante, nada cara a ela decidico a descubrir o misterio.

O director adianta que "entre o que conta esa lenda e a realidade hai unha diferenza importante que se coñece ao final".

"POUCOS MEDIOS". Pena Babío apunta que, antes de facer a curtametraxe, estivo "dando voltas a algo que fose fácil de animar con poucos medios". Escolleu uns peixes como protagonistas "porque non andan e son máis fáciles de animar".

O realizador tiña certa experiencia en filmar "psicomotricidade" porque foi o responsable de audiovisuais do centro Inef de Galicia durante cinco anos, de 1993 a 1999. "Filmamos diversos deportes, pero a experiencia adquirina en Dryga".

Botou case doce anos na produtora coruñesa e participou en catro longametraxes de animación. Foi responsable de deseño en El bosque animado; axudante de dirección de Ángel de la Cruz, en El sueño de una noche de San Juan; director de Espíritu del bosque, xunto a David Rubín, e director de produción en Holy Night (¿Noche de paz?).

Comentarios