BAIXA AS AUGAS turbulentas polo río Miño malia a seca e iso ten que ver coa politización que afecta a cada unha das decisións que se toman desde as administracións xestionadas por partidos dunha ou doutra cor. Aínda que os que levan as culpas son os técnicos, moitos deles funcionarios con cargos de libre designación que fan caso ás recomendacións dos seus superiores, que sexa por desavinzas ou por intereses políticos, utilizan todas as armas posibles para fastidiar o rival.
Segundo o PSOE de Lugo, un exemplo de que se está a xogar a facer política co río é a zona pública de baño que desde hai máis dunha década se tenta poñer a disposición de todos os lucenses ao paso do Miño pola cidade.
Cando se deseñou esta zona nas Saamasas, onde non houbo inconvinte no seu día para que a Deputación construise un restaurante e unha piscina, a Xunta comezou a poñer as primeiras trabas ao proxecto do bipartito lucense. Logo de anos de paralización, o goberno local decidiu cambiar a ubicación, augas abaixo, nunha zona con menos protección e, unha vez se autorizou inicialmente e se comprou o material, unha inspección autonómica detectou unha multitudinaria colonia de mexillóns que fai de novo inviable a praia.
Porén, a Federación de Piragüismo, que este mesmo ano pediu permiso para instalar unha zona de regatas debaixo da ponte da estrada de Santiago, no punto do río con maior protección, conseguiu a autorización da Xunta, condicionada a aparición de especies protexidas. E mentres, o conselleiro encargado dos deportes visitaba esta semana esa zona para ratificar o apoio da administración á practica deportiva no río, algo que se leva facendo desde hai décadas sen causar grandes trastornos á fauna e a flora fluvial.
E entón é cando xorde a pregunta de por que uns técnicos que paralizan unha zona de baño autorizan un campo de regatas se o máis importante é preservar o entorno natural. E o mesmo ocorre cos funcionarios da Confederación Hidrográfica que teñen no punto de mira o Club Fluvial de Lugo, xa que logo denegan o permiso para que os nenos sigan gozando dunha piscina na que xa me remollaba eu hai máis de corenta anos, pero que agora incumpre a normativa, mentres augas abaixo, en Ourense, seguen a facerse obras de ampliación das termas sen que ninguén busque alí especies protexidas.
E se cadra por iso, crendo que se está a facer política co río, directivos do Club Fluvial ameazan agora os dirixentes do PSOE con facer campaña contra ese partido de cara ás vindeiras eleccións, dando a entender que os técnicos están a actuar ao ditado do actual presidente da Confederación Hidrográfica, con carné socialista.
Se do que se trata é de preservar o medio ambiente e garantir o dominio público do río, seguro que todos os lucenses apoiarían tanta protección, iso si, medindo a todos polo mesmo raseiro, abrindo camiños á beira do río en leiras pechadas por fincas particulares e derrubando canta edificación privada se teña feito á beira do Miño ou de todo río no que poidan criar mexillóns.