Blog | Sursuncorda

Tres de tres

Logo de poñer a dose de reforzo da vacina un pensa se está a servir para algo todo isto
Colas en Lugo para la realización de test de antígenos gratuitos. XESÚS PONTE
photo_camera Colas en Lugo para la realización de test de antígenos gratuitos. XESÚS PONTE

NUNCA ME gustou moito o Nadal porque malia que se celebra un nacemento, sempre hai a quen botar de menos na mesa. Recordo unha Noiteboa na cama con febre mentres na miña casa se celebrara a festa e, nesta última, logo de terme posto a dose de reforzo e de cumprir o pleno de tres de tres no pasaporte covid, volveume á cabeza aquel 24 pola noite na que maldicín non terme vacinado contra o virus invernal por excelencia.

Desta vez, o virus que queremos afastar da mesa de Nadal leva dous anos dando voltas polo mundo sen que os científicos saiban como paralo e aos que agardamos con disciplina na ringleira da vacinación xa se nos foi da cabeza a palabra esperanza e estamos a traballar máis co termo resignación. Aínda así, chama a atención que logo de tantos meses de saber que a pandemia mundial non entende de fronteiras, razas, sexos e, se acaso, o que máis mira son as idades e o estado de conservación dos corpos, siga sen haber unha estratexia global máis aló de protexer ao que temos perto e deixar que o resto se busque a vida.

As porcentaxes de vacinación que exhiben os países occidentais como España para tentar demostrar que os seus políticos están a facelo ben, contrasta co abandono do antes chamado terceiro mundo, convertido agora en países en vías de desenvolvemento. E malia que nesas zonas do planeta o feito de que a media de idade estea a conter o efecto mortífero do coronavirus, as mutacións que se producen e logo exportan ao primeiro mundo converten as chamadas á vacinación en Occidente nunha revisión daquela película do Día da Marmota.

Un amigo díxome hai días que, se isto non muda, acabaremos levando, coma algúns coches vellos, ducias de adhesivos da ITV no pasaporte covid mentres os políticos reproducen discursos como no Gran Irmán de Orwell, lembrando contra que letra do alfabeto grego estamos en guerra.

E claro que moitos aínda lle temos respecto ao virus e tentamos protexernos, sobre todo cando coñecemos casos de mortes de persoas da nosa quinta. Pero é que se xa resulta difícil de entender que haxa diferentes estratexias para afrontar a pandemia entre países veciños, que haxa diverxencias entre comunidades autónomas ou que dun día para outro se obrigue a usar nas rúas de xeito obrigatorio a máscara sen que haxa un soporte científico que o avale, pode levarnos a pensar que os nosos gobernantes están xogando coa agulla de marear.

Que eu saiba, aínda non collín o virus nestes dous anos de penitencia, pero teño claro que a todos nos vai tocar algún día pasar polo mal grolo da corentena, e abofé que mellor que sexa ese o único problema coa enfermidade. Entre mentres, seguirei anotando vacinas no meu pasaporte como o mandadiño que sempre fun, pero iso non quita que me pregunte cada vez que me poño nunha ringleira do Sergas se ten sentido todo iso cando a, miles de quilómetros, millóns de persoas están sen inmunizar.

Comentarios