Blog | Sursuncorda

A revolta que pode chegar

O conglomerado de asociacións que forma Galicia Baleira ameaza con dar o paso e presentarse a futuras eleccións
Membros de Galicia Baleira, a franquicia galega da España Vaciada, presentándose en 2020 en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Membros de Galicia Baleira, a franquicia galega da España Vaciada, presentándose en 2020 en Lugo. XESÚS PONTE

AS REVOLTAS desde sempre xogaron co efecto sorpresa que descoloca a eses gobernantes que pensan que o pobo non é capaz de organizarse dun día para outro. Así se fraguaron caídas de imperios e ditaduras en séculos pasados e máis preto vimos que a crise económica fixo xurdir indignados que nalgúns casos foron capaces de organizarse e hoxe en día ata teñen capacidade de decisión en gobernos.

Pero aínda que esa revolta, que en Galicia quixo chamarse marea, está xa en baixamar, volve agromar un novo movemento de masas que está a inquedar outra vez aos dous grandes partidos que, ao contrario do que está a ocorrer en países veciños como Francia, manteñen esa turnicidade no poder tan anglosaxona. Estou a falar da revolta da España Vaciada, como se lle está a chamar a aquelas provincias interiores con problemas comúns como a despoboación rural, o avellentamento da idade media e a vergoñenta eliminación de servizos tanto públicos como privados. Teruel foi pioneira logo de verse mal comunicada e esquecida mesmo polo goberno autonómico e o movemento ata chegou ter unha representación nas Cortes do Estado que, lonxe de quedar en anécdota, ata serviu de apoio ao conglomerado societario que refrendou presidente a Pedro Sánchez. Detrás dela viñeron outras provincias desa Península desequilibrada como Soria ou Ávila que xa teñen representación nas Cortes de Castela e León e que aspiran tamén a estar no Congreso.

Ata 25 provincias se calcula que poderían xuntarse nese paraugas de deherdados capaces de inquedar non só a PSOE e PP, tamén a outro deses partidos xurdidos do fartazgo co sistema como é Vox, que unha vez acadou esta semana despachos e coches oficiais vaise ver cal é o seu grao de movemento revolta.

Lugo, que figura nesa lista de provincias afectadas polas sangrantes estatísticas, tamén podería ser un actor nese conglomerado de plataformas rurais que se está formando en 12 comunidades autónomas, co obxectivo de conformar candidaturas ás vindeiras citas electorais e mesmo chegar a constituír un grupo parlamentario propio de provincias parias.

Pero ata o de agora, a organización que en Lugo se adxudicou a franquicia da España Vaciada, a federación de asociacións veciñais, só tiña mandado recados aos distintos partidos e institucións que a subvencionan sen que se albiscase un paso adiante para enfrontarse nas urnas aos que dan de comer nas festas e feiras veciñais.

Porén, esta semana a chamada plataforma Galicia Baleira, unha nova marca do conglomerado veciñal na que tamén están asociacións de Ourense, lanzou un comunicado no que advertía que de non haber cambios na política de tratamento do rural, vanse plantexar concorrer ás vindeiras citas electorais.

O aviso soa a órdago nun momento no que Galicia ten un presidente saínte e outro esperando na porta, aínda que pode que, se non é ese, outro movemento con menos ataduras subvencionadoras se lance a impulsar esa revolta da Galicia rural galega como xa fixeron noutras provincias e que, no caso de Lugo e Ourense, prexudicaría ao PSOE, xa que mesmo podería ser quen de quitarlle o segundo escano en ambas provincias. Iso si, Teruel Existe tardou 20 anos en chegar ao Congreso, pero que non se boten a durmir os dous grandes, que a revolta pode chegar.

Comentarios