Blog | Sursuncorda

Que terán as obras?

Presentar cemento sempre foi rendible á hora de afrontar eleccións, aínda que hai proxectos que se atascan ou se desploman
Centro social da Piringalla, cemento pendente de inaugurar.
photo_camera Centro social da Piringalla, cemento pendente de inaugurar. SEBAS SENANDE

Sempre que me toca escribir de obras públicas recordo sendo adolescente aquela dobre páxina de publicidade electoral neste xornal na que Francisco Cacharro, no último día de campaña, facía balance da súa xestión publicando fotos de infraestruturas promovidas por el, encabezado todo co titular ‘Obras son amores y no buenas razones’.

Porque o finado dirixente popular era consciente, como moitos outros políticos, de que o cemento sempre foi rendible á hora de afrontar unha reelección. Por iso, cada vez que se achegan unhas eleccións, comezamos a ver unha poxa de licitacións e adxudicacións nos boletíns oficiais, así como incontables imaxes de cargos públicos supervisando a execución de traballos.

Nestes días, en Lugo houbo visitas por parte da alcaldesa Lara Méndez e do tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo —sempre acompañado do seu compañeiro Alexandre Penas—, ás principais obras que levan o selo das concellerías que xestionan, xa sexan peonalizacións, pasarelas, praias, pozas, asfaltados... Son o intento do goberno local por trasladarlle á cidadanía que si están a facer algo, malia que se faga reiterada a imaxe e, ás veces, ata curiosa. Porque ver dous concelleiros mirando unha fochanca recén reparada ou a alcaldesa supervisando un balado de madeira na entrada dun parque semella excesiva difusión.

Pero se é certo que son efectivas, se cadra seguirán facéndose eses retratos os políticos, igual que se facía coas placas inaugurais nos tempos de Manuel Fraga como presidente da Xunta, cando non quedou edificio público en Galicia sen unha chapa co seu nome.

Claro que venderlle obras á cidadanía tamén ten riscos, porque de cando en vez atáscanse, derrúbanse antes de tempo ou crean un problema de imaxe se non se dan executado.

Ás veces, o problema non é vender cemento de máis, senón anunciar derrubamentos que non se fan, como o do Garañón

Esta semana tivemos exemplos destes riscos, como o anuncio de que as obras de reforma do novo auditorio van custar outro millón de euros máis e de que a inauguración pode que se retrase ata o vindeiro ano, no que curiosamente cadran eleccións municipais. Antes pode que se abra outro dos centros culturais atascados, a que primeiro ía ser biblioteca da Piringalla e que logo de retrasos e adxudicacións fallidas, vai ser un centro social interxeracional. O ano pasado anunciouse que estaría aberto en agosto, pero case un ano despois segue pechado.

Tamén nos atopamos estes días coa noticia de que a autovía que nos venderon no seu momento como a maior obra de enxeñería de Europa foi unha chapuza nalgúns tramos e a factura dos arranxos que se fixeron nos últimos anos vaise ver aumentada tras a caída dunha ponte preto de Pedrafita. A autovía que nos chegou con retraso volve agora deixarnos illados da meseta vinte anos despois.

Noutros casos, o problema para os políticos non chega por vender cemento de máis, senón por anunciar o derrubamento de obras mal feitas sen que a piqueta dea actuado. É o caso do Garañón, que segue a presidir as costas do Parque para estrañeza dos visitantes de Lugo.

Comentarios