Blog | Sursuncorda

Pretas as filas para o 2023

Os procesos congresuais dos partidos en Lugo axudan a coser feridas de cara ás municipais
Elena Candia y Alberto Núñez Feijóo. XESÚS PONTE
photo_camera Elena Candia e Alberto Núñez Feijóo. XESÚS PONTE

OS CONGRESOS dos partidos antes dunhas eleccións son unha especie de aquelarres nos que se fumean os malos espíritos e se apretan as filas para evitar que as disidencias, que sempre as hai, non teñan oco por onde escorrerse.

Os tres grandes partidos en Galicia xa tiñan feito os deberes antes da vindeira cita electoral, as municipais de maio de 2023, pero un imprevisto de última hora, a guerra entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso que acabou coa queima pública do primeiro, deixoulle o camiño expedito a Alberto Núñez Feijóo para dar o salto a Madrid e obrigará o PP galego a cambiar de líder e a reaxustar todo de cara ao vindeiro ano.

Aínda así, o partido en Lugo ten o traballo feito antes das eleccións e, a menos que Elena Candia volva facer historia e acabe sendo a primeira presidenta do PPdeG, non haberá que facer cambios na dirección provincial, onde as feridas quedaron cosidas logo do pacto entre a política de Mondoñedo e José Manuel Balseiro.

Ademais, seguen saíndo adiante os procesos de renovación por concellos e o da capital lucense, aínda que non ten data, podería celebrarse nos vindeiros meses con vistas a lanzar a candidatura á alcaldía do actual presidente local, Ramón Carballo.

O PSdeG tamén viviu meses de axitación orgánica, cunhas eleccións primarias que elixiron novo líder a Valentín González Formoso e que tentarán pechar unha etapa de decadencia na que o partido volveu ser a terceira forza parlamentaria. Ademais, en Lugo José Tomé foi nomeado secretario provincial sen necesidade de primarias tras integrar o alcalde de Castroverde na súa lista, ao igual que conseguiu facer Ana González Abelleira, que onte foi elixida como responsable local socialista xuntando ao seu redor distintas sensibilidades e idades.

A alcaldesa Lara Méndez preferiu de novo non optar a este cargo para separar o seu papel institucional da vida orgánica do partido, aínda que a ninguén se lle escapa que Abelleira é unha peza fundamental no seu equipo de cara a acadar a reelección.

Tamén o BNG ten feito os deberes congresuais a nivel autonómico e local, no caso da capital lucense, onde o voluntarioso concelleiro Felipe Rivas deu o paso adiante para liderar a formación, deixando tamén que Rubén Arroxo manteña un papel institucional como tenente alcalde.

Porén, nivel nacional, como lles gusta dicir aos do BNG, Ana Pontón segue a ser a firme lideresa que conseguiu situar a formación á fronte da oposición parlamentaria. Malia ter asumido que dirixe un partido asembleario, onde as grandes decisións se toman de xeito colectivo, a política sarriá busca darlle un perfil diferente ao seu mandato, afastándoo dos dogmatismos que ás veces frearon os ascensos demoscópicos da formación ou mesmo chegaron a fracturar as filas.

Quedan apenas uns flocos preelectorais por cortar nos grandes partidos en Lugo, onde como cantaban os falanxistas, están "prietas las filas, recias y marciales".

Comentarios