Blog | Sursuncorda

Pois claro que se incita...

O BNG vén de descubrir que sementar ventos de odio levanta tempestades de violencia
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Pintada proetarra nun barrio de Bilbao a finais dos anos noventa. AEP

POIS ÍA SENDO hora e non era sen tempo. Os nacionalistas de Lugo e máis en concreto o seu voceiro municipal acaban de decatarse de que as mensaxes de odio, sexan transmitidas en panfletos, pintadas ou agora tamén a través das redes sociais, poden incitar á violencia e por iso ás veces cómpre actuar tamén xudicialmente contra todo aquel que insulta, despreza ou cousifica as persoas que non pensan coma eles.

Rubén Arroxo viuse retratado nunhas pintadas estampadas nun muro camiño da súa casa, nas que se podía ler unha frase críptica se un non está acostumado aos alcumes que os graciosiños das redes sociais poñen aos seus rivais. ‘Cono bueno cono muerto’, poñía o ilustrado grafiteiro, que tamén reproducía a frase ‘BNG ladrones fascistas!’, dúas ameazas das que o edil nacionalista culpou aos que as incitan.

O de ‘cono’ dá por feito o dirixente nacionalista que ía por el logo de que o concelleiro e deputado provincial Óscar Poy, ao que a súa popularidade nas redes sociais o levou a ser fichado nas últimas eleccións para a lista do PP, o bautizase en Twitter como ‘capitán cono’ ou ‘coronel cono’, non sabemos se pola afección de Arroxo a fotografarse diante de obras ou se por comparalo co exmadridista Arbeloa, ao que lle colgaron ese alcume os que o consideraban un xogador sen ansia.

Pero á marxe do grao de imaxinación que poida ter quen se adica a alcumar rivais, Arroxo descubriu que para que alguén chegue ao punto de facer pintadas ameazantes na rúa sempre ten que ter por detrás un autor intelectual, que é quen chama a traspasar as liñas vermellas da crítica lícita.

Pois claro Rubén. Así é, e sempre foi así. E senón que llelo pregunten aos centos de persoas que estiveron ameazadas durante décadas en Euskadi e que tamén lían nas paredes ao lado das súas casas o seu nome dentro dunha mirilla ou, sen tanta metáfora, pedindo directamente a súa morte.

Agora esas mensaxes, ademais de en paredes, circulan tamén polas redes sociais e provocan ás veces querelas e condenas que hai quen chega a considerar coma un intento de reprimir a liberdade de expresión.

E pode que sexa esaxerado que unha persoa poida ir á cadea só por dicir que outro merece unha bomba nuclear, como lle ocorreu ao rapeiro Josep Valtonyc, condenado por desexarlle iso a un dirixente de extrema dereita. Esaxerado se cadra porque un artefacto así se levaría tamén por diante ao artista, aínda que non tanto se temos en conta a obsesión do individuo polo material explosivo, xa que logo o tal Valtonyc chegou a desexarlles un tempo despois bombas á garda civil e ao fiscal durante un concerto en Marinaleda.

Leo Bassi, que esta semana presentaba en Lugo e Viveiro o seu espectáculo denuncia ‘Yo, Mussolini’, daba apuntes históricos de como o fascismo se foi facendo popular a base de incitar á violencia que despois practicou no poder. Pois contra esas actitudes que están a agromar desde os extremos políticos, só queda amosar condena, veña de onde veña, e tamén a quen a incita, e non ter pel fina só cando a un lle toca.

Comentarios