Blog | Sursuncorda

Onde quedamos?

Os problemas para aparcar fan que moitos lucenses decidan tomar o aperitivo no seu barrio ou acudir ao casco histórico
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Generated by IJG JPEG Library AppleMark

NUNHA CIDADE tan estirada como Lugo –falando en dimensións claro–, os desprazamentos a pé son utilizados dun xeito limitado e, no caso do ocio ou as compras, fanse sobre todo para acudir ao casco histórico, onde o acceso de vehículos vai ser moito máis restrinxido dentro duns meses.

De feito, a cifra que deu a coñecer o goberno local de que cada semana entran no recinto amurallado uns 37.000 vehículos seguro que vai baixar drasticamente en canto se finalicen as novas peonalizacións, coas que se prevé reducir nun 40% as emisións contaminantes.

A nova mobilidade que se está a impoñer en Lugo, seguindo o exemplo doutras cidades, fai que cada vez sexa máis difícil usar o vehículo particular no casco urbano e se cadra por iso nos estamos a reencontrar cada vez máis cos nosos barrios.

Onde quedamos é unha pregunta que cada vez tarda máis en ser respondida. Cando un era adolescente tiña claro que era Souto ou Ray e unha vez comezamos a motorizarnos calquera bar ou restaurante da cidade era un bo punto para ir tomar o aperitivo ou comer, pero agora que cada vez resulta máis complicado atopar un aparcamento son moitos os que prefiren quedar no seu barrio para facer vida social ou buscan áreas comerciais con estacionamentos.

A Milagrosa, Fonte dos Ranchos, San Antonio, Fontiñas ou San Roque son agora mesmo zonas onde aparcar o coche entre semana resulta tan aventurado que só pensar en quedar nun deses barrios, cando se ten que ir alí desde a outra punta da cidade, convida á reflexión e a convencer a persoa coa que se quedou a pactar outro lugar ou ocasión para verse.

Aínda que o bus urbano está a servir xa como opción viable para moverse, cuns prezos moi asequibles e frecuencias máis curtas, a maioría dos lucenses aínda non están a telo presente nos seus desprazamentos e a opción da bicicleta ou o patinete eléctrico dista moito de que se faga popular máis aló de entre xente concienciada ou moza.

Por iso, agora que se están achegando as eleccións municipais, volve abrirse o debate entre os políticos contendentes sobre como darlle solucións aos veciños para que poidan desprazarse nunha cidade alongada e encravada entre dous vales e con algunhas rúas con pronunciadas costas.

No caso do casco histórico, a supresión dunhas poucas prazas de aparcamento coas novas peonalizacións vaise paliar coa apertura, polas tardes e as fins de semanas, do estacionamento do Fogar de Santa María, mentres que aos que non lles importe pagar un párking seguirán a ter dispoñibles os tres públicos e os privados. Pero no caso dos barrios, os aparcamentos disuasorios non están a compensar a supresión de prazas polo carril bici ou pola peonalización de novas rúas como, por exemplo, Pintor Luis Seoane na Milagrosa, e aí si que cómpre dar solucións.

De todos os xeitos, pode que con esta situación ao final saian gañando a hostalería e o pequeno comercio dos barrios, en moitos dos cales ata se volverá facer vida social entre veciños.

Comentarios