Blog | Sursuncorda

Lugo, primeira parada do camiño triunfal

Alfonso Rueda iniciou a súa campaña pola sucesión na capital da provincia que máis apoiou a Feijóo, algo que lle recordou onte Elena Candia

ALFONSO RUEDA arrancou en Lugo o seu particular camiño a Santiago, neste caso con destino final no Pazo de Raxoi ubicado fronte á catedral, e no que fará paradas polas principais capitais galegas para dar a coñecer un proxecto para o PPdeG e a Xunta que todos os afiliados e cargos do partido teñen bastante claro: continuidade.

Será despois do 22 de maio, cando teña no seu peto os cargos de presidente da Xunta e líder do partido en Galicia, cando comenzará a marcar o seu perfil que, polo escoitado nos discursos, vai tentar fuxir dunha volta ás baronías que tantas dores de cabeza lle deron a Manuel Fraga.

«Non hai catro PPdeG», dixo onte o futuro líder dos populares galegos, consciente de que mentras non estivo claro quen ía ser o sucesor de Feijóo, houbo rebumbios nos mentideiros políticos sobre o papel que ían ter os outros tres líderes dos partidos provinciais: José Manuel Baltar en Ourense, Diego Calvo na Coruña e Elena Candia en Lugo.

Esta última quixo deixar claro onte durante a súa intervención no acto con Rueda o papel que xoga Lugo na estabilidade parlamentaria do Goberno galego, recordando que é a provincia onde o PP acada maior apoio nas eleccións autonómicas, malia que ten a eiva de non estar a gobernar na Deputación nin nos concellos máis poboados.

Candia, que xa aclarou nunha recente entrevista neste diario que ela nunca lle pediu a Feijóo para ela, senón para Lugo, podería quedar fóra desa remodelación da Xunta que figura no caderno de Rueda e na que seguro que vai haber cota lucense. Será de novo da man de Francisco Conde, a quen o presidenciable eloxiou onte e mesmo lle ofreceu publicamente a continuidade como vicepresidente económico do futuro Goberno.

De feito, a noticia coñecida esta semana de que a multinacional Altri ten previsto ubicar na provincia lucense a súa fábrica de fibras téxtiles é tamén unha confirmación das xestións levadas a cabo pola Xunta e por Conde para, cun proxecto desa envegadura, conseguir poñer coto á desindustrialización que está a sufrir Galicia cos peches ou Eres de Alcoa, Endesa, Gamesa ou Vestas.

A diferenza do proxecto que Conde leva da man desde a súa entrada no Goberno, o polo de drons de Rozas, a construción do proxecto de Altri en Palas de Rei, se nada se torce, vaise visibilizar pronto e mobilizará unha morea de persoal e maquinaria. Porque mentres o proxecto tecnolóxico de Castro de Rei segue sendo unha entelequia para os veciños da zona, os 2.500 empregos que podería chegar a crear a fábrica de fibras de Altri si que servirían para amosarlles aos votantes lucenses que as promesas de creación de emprego na Galicia interior non eran un slogan máis e que poden servir para conter a constante sangría de perda de poboación e servizos.

Á marxe desta iniciativa privada, a Xunta que Rueda comandará tamén deberá ter en conta os compromisos coa provincia que Feijóo deixa, como a finalización da autovía Nadela-Sarria e a súa extensión ata Monforte, a construción da Ronda Este de Lugo o remate dos proxectos para o barrio da Residencia ou, tamén, a materialización dese polo aeroespacial do que tanto se ten falado.

Porque aínda que a maioría dos votantes de Lugo demostraba, elección tras elección, o seu apoio maioritario ao proxecto de Feijóo, os votos non se herdan, hai que gañalos. E Rueda debe ter claro onde están os graneiros.

Comentarios