Blog | Sursuncorda

Lugo, a cidade das ideas

A busca de fondos europeos fai traballar a cabeza para captar os cartos que non xeramos
Edificio Impulso Verde de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Edificio Impulso Verde de Lugo. SEBAS SENANDE

TEÑO QUE recoñecerlle unha virtude a este goberno local, que tenta sacar adiante unha cidade á que as administracións deixaron de lado dende hai tempo e que tenta ser a boia onde agarrarse para unha provincia que naufraga vítima das deslocalizacións das multinacionais e do tratamento como paciente crónico. Recoñézolle á alcaldesa e ao seu equipo capacidade para sorprendernos con ideas que, así de súpeto, ata poden facer que nos decatemos de que somos o epicentro da I+D+i e de que imos camiño de ser abandeirados europeos na revolución das cidades sostibles, os proxectos dixitais e a economía colaborativa.

Os fondos europeos de sempre foron usados en Lugo para facer cursos de macramé, coordinados no seu día pola Consellería de Familia. Mais desde hai uns anos, cando se viu que a espantada do rural non era cousa de desherdados, senón tamén de mozos con ansia de buscar oportunidades, os nosos políticos recorreron ás empresas especializadas en presentar proxectos europeizables para tentar darlles unha oportunidade aos que dubidaban entre irse ou quedar.

E, de súpeto, chegaron fondos que ata entón seguramente sempre ían parar a un lander alemán ou a unha vila holandesa pola súa capacidade para convencer os burócratas encargados de concedelos e que, por regra xeral, procedían deses enclaves.

O plan Urban, que Lugo levaba anos solicitando para recuperar o seu bimilenario casco histórico, foi a antesala do que estaba por chegar. Lugo+Biodinámico foi a seguinte grande aposta millonaria de Europa por unha cidade con ideas avanzadas. Un barrio multiecolóxico fronte a un modelo de macrocidades expansivas clonadas polas grandes construtoras era como unha instalación de Marina Abramović no medio da Praza do Obradoiro, un gromo verde no medio do formigón armado que pagaba a pena financiar, e alguén desde algún despacho de Bruxelas foi quen de darlle ao clic que mandou uns cantos millóns para unha cidade rodeada de verde que aínda quería selo máis.

Entre tanto, chegaron cartos para oficinas nas que explicarlles aos veciños as vantaxes de estar na UE, como Europe Direct; fondos para impulsar os emprendedores como Espazo Coworking, ou mesmo un programa para dixitalizarnos como Lugo Smart City. Malia que o premio gordo veu da man da chamada estratexia Dusi, da que Lugo conseguiu dez millóns de euros para gastar en recuperar un espazo que aínda non caera nas mans dos especuladores entre o centro da cidade e o río Miño

NEXT GENERATION. A día de hoxe, a Europa tamén lle ten pedido Lugo un anaco dese orzamento chamado Next Generation, que se cadra está pensado para que os nosos fillos pensen coma nós, que sintan que aquí aínda pode haber oportunidades e non marchen. Os cartos van ser para peonalizar o que queda do casco histórico e, a partir de aí, haberá que ir pensando novas ideas para dinamizar esas rúas que vemos con cada vez máis baixos pechados e co cartel de alúgase.

A única dúbida que me queda é a de saber se ese laboratorio de ideas oficial é quen de cambiar a dinámica económica de Lugo e da provincia ou vai quedarse só nun xeito de recoller os cartos que Europa concede como premio a eses adiantados da clase que logo acaban sendo eternos becarios.

Comentarios