sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Puede consultar la última entrada en el blog haciendo click aquí.

Disculpen las molestias.

A imaxe que hai que borrar

Lara Méndez di que este ano tírase o Garañón, pero van xa dez anos de foto fixa
Las torres de O Garañón. SEBAS SENANDE
Las torres de O Garañón. SEBAS SENANDE

CANDO VAI PERDER Lugo de vista o esquelete do Garañón? A pregunta leva dez anos sen resposta aínda que a alcaldesa púxolle data no derradeiro pleno do ano: será en 2022.

Acóllome ao meu dereito a dubidar da palabra dos políticos, non porque pense que din mentiras, senón porque son moi dados ao exceso de optimismo. A xudialización desta promoción de vivendas veulle dar uns tempos distintos aos que marca o mercado inmobiliario, polo que a resolución dun asunto tan complexo como pode ser o derribo das torres levantadas se cadra pode aínda tardar anos. Eso si, se a piqueta consegue eliminar de diante dos noso fuciños esa imaxe de cidade en quebra que dá o Garañón antes de maio de 2023, data na que haberá eleccións municipais, de seguro que o goberno local e, sobre todo a alcaldesa, terán anotado un punto importante para acadar a reelección.

Unha vez derrubadas as edificacións quedará por ver a conta que lle supón á cidade esa fracasada urbanización, que ata levou a entrar en fase concursal á empresa promotora. Os tribunais terán que decidir se a petición de millonaria indemnización ten base ou se, como di un informe da asesoría xurídica municipal, o Concello non ten por que asumir os erros na tramitación das licenzas.

Pero se como considera o representante legal da empresa, a reclamación de 26 millóns de euros acaba sendo asumida polo Concello, a Lugo quedaránlle varios anos por diante sen capacidade para asumir máis investimentos que os necesarios para o mantemento das infraestruturas, o que suporía unha herdanza envelenada para os gobernantes que asuman o mando e, sobre todo, para os cidadáns. Se cadra por iso, esa ruleta xudicial á que se pode seguir xogando nos vindeiros meses podería ser substituída por unha negociación entre as partes que dun xeito máis ou menos equitativo compense ao promotor nun contexto distinto ao de hai dez anos e á vez sume para a cidade un novo espazo verde público fronte ao val do Miño.

Porque os antecedentes máis cercanos de resolución de conflitos entre o Concello e empresas, como pode ser a frustrada reactivación da fábrica da luz, din que pode ser mellor un mal trato que un bó pleito. E se unha indemnización de dous millóns e medio pode ser un mal menor para unha administración con máis de 100 millóns de orzamentos, se á cifra compensatoria se lle engade un cero máis entón o problema multiplícase tamén.

Neste novo ano 2022 a cidade vai ver acabadas obras polas que levaba tempo esperando, como o Centro Integral de Saúde da Residencia ou a peonalización da Mosqueira, tamén empezarán outras novas e pode que ata poidamos ver aberto o novo auditorio de Magoi. Agora ben, se ademais conseguimos borrar do horizonte a penosa foto fixa do Garañón, entón poderemos dicir á hora de facer balance que pagou a pena todo o tempo que se esperou.

A imaxe que hai que borrar