Blog | Sursuncorda

Fraga, un lucense irrepetible

A figura do político vilalbés volve á actualidade polo décimo cabodano do seu pasamento
Manuel Fraga, entrevistado para El Progreso en outono de 1999. AEP
photo_camera Manuel Fraga, entrevistado para El Progreso en outono de 1999. AEP

SEGURAMENTE todo xornalista ten entre o catálogo de personaxes que leva entrevistado ao longo da súa carreira a un ou dous que lle deixaron algunha anécdota inesquecible da que falar con amigos e compañeiros. Eu esa personaxe teñoa elexida desde hai ben anos, máis de vinte, e chámase Manuel Fraga, do que sábado se cumpriron dez anos do seu pasamento.

Corría o outono de 1999 e o director do xornal encargábame entrevistar ao por aquel entón todopoderoso presidente da Xunta, que encadeara tres eleccións con maiorías cada vez máis absolutas, pero que tiña en cadansúa provincia un barón no partido que, ás veces, poñían en entredito o seu poder. E xa que logo, naquela entrevista non podía quedar sen preguntar por un deses mandamáis provincial, Francisco Cacharro, ao que o partido lle acababa de dar a elexir entre ser presidente do PP de Lugo ou senador.

Na primeira pregunta relacionada con esa polémica, Manuel Fraga botou balóns fóra, alegando que non tocaba falar diso. Na repregunta, o presidente alzou a voz e amezou coa espantada se seguía por aí. Recordo que o fotógrafo que me acompañaba levantou de súpeto do sofá ao ver alterado a Fraga e seguramente a miña faciana pode que se puxera colorada ante aquela escena. Pero logo do sobresalto, o "león de Vilalba" calmou en canto me comprometín a cambiar de tercio.

"Xa sabes como é don Manuel", me dixo xa fóra do despacho de San Caetano un dos seus colaboradores cando lle comentei a anécdota. Pero o certo é que ese carácter seguramente formaba parte dunha estratexia persoal que axudou a que ese presidente tivese conseguido poñer no mapa do autonomismo a Galicia. E se cadra non tanto coma Cataluña ou Euskadi, pero si priorizando investimentos nun país con centos de pobos mesmo sen teléfono ou con corredoiras sen asfaltar como únicas vías de acceso.

Logo haberá quen discuta se os seus mantados foron de máis a menos, ata o punto de que mesmo lle sobrou terse presentado aos últimos comicios, cunha saúde que xa motivaba esceas de desmaios en medio de intervencións parlamentarias, e tentando defender a desastrosa xestión do Goberno de Aznar no desastre do Prestige.

PEGADA. No caso de Lugo, Manuel Fraga deixou igual que como por toda Galicia unha longa restra de placas inaugurais co seu nome sobre edificios e intraestruturas que mudaron a paisaxe de pobos e vilas, mentres que na capital impulsou a construción de sedes públicas como o multiusos e os novos xulgados, e colaborou coa peonalización do casco histórico.

Anteriormente, na súa traxectoria como gobernante no franquismo tamén tivo xestos con Lugo e a súa provincia, xa fora impulsando paradores de turismo ou teleclubes, malia que esa vinculación coa ditadura da que nunca se arrepentiu é a que impide un consenso á hora de que, por exemplo, se lle adique unha rúa en Lugo,

Aínda así, pasarán moitos anos ata que Lugo volte ter un fillo tan relevante na política nacional e mesmo internacional como Manuel Fraga, sobre todo tendo en conta que cada vez quedan menos lucenses.

Comentarios