Blog | Sursuncorda

Facturas sen pagador

Aínda sen abrir, os desperfectos do novo auditorio terán un custo de medio millón de euros que non está claro quen deberá asumir
Filtraciones en el nuevo auditorio. EP
photo_camera Filtracións no novo auditorio. EP

VAI XA ANO e medio desde que o Concello recibiu da Xunta o novo auditorio de Magoi e a oposición municipal segue a reprochar que o goberno local non fose aínda capaz de poñelo en funcionamento. Ata aquí unha crítica lóxica por parte de quen considera que hai desidia da administración para poñer a andar unha infraestrutura demandada desde hai décadas na cidade, aínda que a situación ben merece unha análise polo miúdo das causas deste inexplicable retraso.

Por unha banda, a recepción do edificio polo Concello, que foi promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun custo de case 25 millóns de euros, tivo que esperar cinco anos desde que remataron as obras para acometer a instalación do equipamento, logo dunha discrepancia entre Xunta e Concello sobre quen debía facerse cargo dese investimento.

Unha vez concluídos estes traballos en setembro de 2019, a chegada da pandemia dilatou os labores de revisión dos técnicos municipais para dar o visto e prace á recepción da obra, que finalmente se aceptou en xuño de 2020, a pesar de que se detectaron deficiencias que en parte se deberon a que pasaran xa seis anos desde o remate da construción do edificio.

Por iso foi necesario facer un estudo do custo das obras polo que aínda está esperando o Concello e, polo que se albisca, a factura das reparacións vai chegar ao medio millón de euros. Agora ben, como queira que o auditorio xa é responsabilidade do Concello, en principio a administración local é a que se ten que facer cargo das reparacións.

Porén, a pregunta que xorde é se, como toda obra civil, a construción non debería ter a garantía que por lei corresponde, xa que logo algunhas das deficiencias que se están a citar teñen que ver con humidades e filtracións. Neste caso, a reclamación correspondería facerlla á Ute á que lle foron adxudicadas as obras da Xunta e, por iso, o Concello baralla reclamarlle á administración autonómica o custo dos traballos.

EFECTO BÚMERANG. O que parece claro é que se hai neglixencia á hora de falar deste proxecto non se debería buscar un único culpable, aínda que desde o grupo municipal do PP se está a poñer o foco no Concello neste asunto. 
De feito, a visita que realizaron os populares esta semana ás instalacións tiña como obxectivo sacarlle as cores ao goberno local e demostrar que o novo auditorio sofre un deterioro evidente. O problema é se precisamente parte das deficiencias que sofre o edificio se deben a unha falta de celo por parte da Xunta á hora de supervisar a entrega por parte da empresa construtora do auditorio, polo que a queixa do PP podería volverse en contra do seus cando o que se está a denunciar é que hai filtracións que obedecerían a un problema estrutural.

Pero xa sabemos que a denuncia política ten sempre flecos e neste caso, a intención do grupo municipal desde hai anos é a de demostrar que, por desidia, non hai interese no Concello por poñer en marcha o auditorio.

Se así fora, imaxino á concelleira de cultura convencendo aos promotores de espectáculos de que locen máis no vello auditorio ou á alcaldesa botando contas de que saen mais baratas as presentacións e conferencias no auditorio do Vello Cárcere que na sala pequena do novo.

E claro que non serve como xustificación que desde hai ano e medio non fose capaz o Concello de arranxar os problemas do edificio aínda que non lle correspondese pagar a factura final, pero tamén é certo que a ninguén lle gusta estrear unha chaqueta cun roto na solapa.

O goberno local calcula que neste ano 2022 vaise poder dar por rematada a obra e mesmo inaugurar con algún espectáculo un edificio no que ata hai discrepancias sobre a quen dedicarllo. De feito, desde o BNG propúxose que levase o nome do grupo Fuxan os Ventos, con motivo de que se cumpre medio século da súa fundación, aínda que tamén podería ser adicado á Sociedad Filarmónica de Lugo, que fixo 75 anos e ademais é a entidade candidata a encher de contido e darlle un escenario digno aos concertos que organiza.

Pero como cando se fala do novo auditorio o mellor é ser cauto, imos pensar que a apertura este ano é un deses desexos que só acordamos cando pasamos diante dese xigante de Magoi.

Comentarios