miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Puede consultar la última entrada en el blog haciendo click aquí.

Disculpen las molestias.

A fábrica das poucas luces

O fallido proxecto para a antiga planta hidroeléctrica da cidade demostra o doado que resulta tirar ao lixo os cartos públicos
Aspecto exterior que presenta la antigua fábrica da luz. EP
Antigua fábrica da luz. EP

CADA VEZ que paso pola fábrica da luz durante os meus paseos pola beira do Miño imaxino a un dirixente municipal matinando como sacarlle proveito a un edificio que no seu día axudou a iluminar a cidade. Véxoo pensando se podería ser rendible aproveitar de novo a súa estrutura para sacarlle partido ao río e crear unha fonte de riqueza desaproveitada para un Concello que ten cada ano unha factura enerxética millonaria.

Penso que podería ser esa a súa idea porque tamén hai políticos que non só miran como sacarlle réditos ás súas decisións cara á seguinte elección e que pensan en proxectos para os que se cadra teñen que pasar anos para que poidan amosar o éxito das decisións que tomaron.

Pero tamén, se miro polo ollo desconfiado que sempre temos os xornalistas, podo imaxinar un político sen escrúpulos buscando un novo xeito de sacarlle partido ao erario público deseñando un proxecto imposible de executar e que podería acabar xerando unha indemnización millonaria sen que ninguén tivese que suar nin unha gota polo traballo feito.

Ese dilema que me xorde cada vez que miro cara a ese edificio non o teñen os concelleiros do PP de Lugo, que non dubidan en sinalar a actual alcaldesa e o seu anterior concelleiro de medio ambiente como autores do traballo final iniciado por outros desa maquiavélica e perversa teoría baseada en que a corrupción é endémica na política.

O certo é que se houbese unha folla de ruta para utilizar un edificio inservible como un xeito de baleirar as arcas públicas, o caso da fábrica da luz ben podería servir de exemplo para os que están acostumados a sacar tallada dos cartos de todos.

Imaxino a un marqués comisionista na feira lendo a noticia da indemnización á empresa da fábrica da luz e chamando ao colega conseguidor e ao irmán do alcalde para buscar antigas explotacións hidroelécticas para tentar reactivalas, recomprando de saldo turbinas sen uso tiradas nunha nave de provincias.

Porque proxectos millonarios fallidos hai en todos os sitios e tamén listos que foron quen de levar cartos a conta deles, pero no caso da fábrica da luz, que mesmo foi obxecto dunha investigación xudicial que en nada quedou, no PP só queren ver como culpables aos últimos aos que lles tocou lidiar co touro ‘resabiado’. Pero se o que se trata é de abrir un melón podre, habería que buscar un por un a todos os que foron dando o visto e prace ao proxecto, tanto políticos como funcionarios.

Desta vez, as decisións erróneas non só foron as últimas, tamén as primeiras, e por iso Lugo tivo que sacar dos seus orzamentos 2,5 millóns en indemnizacións e antes outro millón en obras de reforma do edificio.

Aínda así, a última vez que pasei por diante da fábrica da luz, artellei unha idea para ese edificio público sen uso: reconvertelo nunha cafetería-restaurante mirador de cara ao río, gastar outro millón se fai falla para adaptalo e sacalo a concurso para que o explote alguén. Alguén recordarame o caso do Vello Cárcere, pero total, matinar con cartos públicos é doado.

A fábrica das poucas luces
Comentarios