Blog | Sursuncorda

Euforia e incertidume

Os populares galegos xa ven a Feijóo na Moncloa mentres esperan que o seu relevo non esperte as vellas rifas das baronías
Candia, cos presidentes do PP de Pontevedra, Ourense e A Coruña, no congreso na que foi reelixida líder en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Candia, cos presidentes do PP de Pontevedra, Ourense e A Coruña, no congreso na que foi reelixida líder en Lugo. XESÚS PONTE

O PP galego afronta neste 2022 un dos seus momentos máis importantes desde as primeiras maiorías absolutas de Fraga e Feijóo xa que nuns días vai ter que decidir unha sucesión nada traumática, porque quen se vai faino para liderar o partido en España, pero que xenera certa incertidume nun partido que estaba pacificado desde hai anos logo de episodios de rifas entre familias políticas e territorios.

A euforia que está a xenerar entre os militantes e votantes do PP galego o feito de que ven ao actual presidente da Xunta como a mellor opción para conseguir reconquistar a Moncloa logo do traumático desaloxo de Mariano Rajoy, muda en cautela cando se trata de considerar a opción sucesoria en Galicia. Porque quen asuma o encargo, ademais de ter que substituir a quen mantiña ata o de agora un control total do partido e o goberno, vaise atopar cun teito electoral tan alto que pode provocar vértixe e que terá a primeira proba de fogo nas municipais do vindeiro ano.

De momento todo apunta a que o elexido para o posto vai ser o número dous da Xunta, Alfonso Rueda, aínda que se está a debater sobre o xeito en que debe ser designado, se por aclamación nun congreso ao estilo do que acaba de encumiar a Feijóo ou cunha designación directa e consensuada coas direccións provinciais.

Houbo quen xa se pronunciou, como é o caso do ourensán Manuel Baltar e o coruñés Diego Calvo. Rueda, como dirixente do PP de Ponteveda e parte interesada non falou, ao igual que tampouco o fixo a lucense Elena Candia, quen esta semana comparecía ante os medios e daba conta dos procesos congresuais na provincia, onde xa se renovaron 19 agrupacións locais.

A política mindoniense parece estar chamada a ter cada vez máis protagonismo no PP e o feito de ter sido colocada por Feijóo na dirección nacional do PP vaille dar máis proxección. Se cadra por iso Candia prefire agochar as súas cartas neste momento, actuar con sixilo e esperar que se dea o nome definitivo e consensuado para saír a palestra. Porque aínda que resulta difícil pensar que a crise de goberno que se vai vivir na Xunta pode acabar en trifulca interna, o vindeiro presidente ou presidenta da Xunta vai ter que fiar fino para contentar a todos. E aí é onde van ter protagonismo os dirixentes provinciais e, se cadra, poden voltar aquelas cotas provinciais que sempre tiña que conceder Fraga nos seus equipos de goberno e que Feijóo aparcou en busca de gabinetes máis técnicos.

Quen sabe se esta pode ser logo a oportunidade de Elena Candia para conseguir a consellería que todos daban por feita logo do último resultado electoral en 2020, no que o PP de Lugo volveu ter números de récord, pero que finalmente quedou aparcada para darlle protagonismo no Parlamento. Porque a remodelación na presidencia da Xunta seguramente leve aparellada un cambio de caras no Goberno, ben pola intención do futuro mandatario de ter un equipo ao seu estilo, ben polo interés dos partidos provinciais por ter a súa cota. Veremos.

Comentarios