Blog | Sursuncorda

O esperpento en escena

Unha obra de Valle-Inclán podería servir para a estrea do novo auditorio, aínda sen data, logo de seis anos da fallida apertura
Exterior del auditorio de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Exterior del auditorio de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

SE HAI UN XÉNERO artístico que podería definir o acontecido co novo auditorio de Lugo ese é o ideado polo xenial Valle-Inclán na súa obra Luces de Bohemia. O esperpento non só agromou durante os prolegómenos dunha infraestrutura cultural da que se comezou a falar mesmo antes do cambio de século e que, logo de polémicas para que o Concello se fixese co cuartel de San Fernando para ubicalo alí, o proxecto acabou sendo tumbado polo impacto que a reconversión do edificio ía causar na muralla.

Pero unha vez se acordou levantar o novo edificio nunha finca do IGVS en Magoi e arrancou por fin a obra en plena crise económica, os atrancos volverían a partir da fallida inauguración, en abril de 2016, na que participou o entón presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, quen ía entregar o edificio sen equipamento, alegando que segundo o convenio era o Concello o encargado de facerse cargo dun investimento que rondaba os 3,5 millóns de euros.

Un acordo coa alcaldesa Lara Méndez, logo de meses de tiras e afrouxas, fixo que a Xunta accedese a facerse cargo desa obra complementaria a cambio de non pagar durante un lustro o Ibi de varios edificios autonómicos, entre eles o Hula, un importe que se achegaba á estimación do custe do equipamento. Porén, a Xunta aforrou 1,5 millóns cando adxudicou as obras en 2018, que tiñan un prazo de execución de oito meses.

Pero as desavinzas non quedan aí, porque cando chegou o momento de entregarlle o edificio rematado ao Concello, en 2019, os técnicos municipais atoparon unha serie de desperfectos que desde a Xunta non se vían, restrasándose ata xuño de 2020 a recepción da obra co apuntamento por parte do goberno local de que o asumían con desperfectos.

Unha auditoría posterior encargada polo Concello detectaría ata 220 deficiencias no edificio e, cunha pandemia de por medio, o goberno local encargoulle a unha empresa elaborar un prego de contratación das obras de reparación, que se estimaba que ían custar 300.000 euros.

Non se sabe por que, a empresa renunciou a elaborar o prego e houbo que buscar unha nova, de xeito que de novo tívose que adiar a apertura do edificio e hoxe nin siquera se sabe canto van custar as reparacións. De feito, as declaracións desde o goberno desconcertan no só aos concelleiros da oposición, tamén aos cidadáns, xa que mentres a concelleira de economía, Paula Alvarellos, daba no pleno do xoves a cifra de 300.000 euros, a alcaldesa apunta agora que serán 800.000 euros, polo que non sabemos aínda ata canto pode chegar a poxa.

O caso é que ata o futuro nome do auditorio xera controversia, xa que se a concelleira de cultura, a nacionalista Maite Ferreiro, anunciaba hai un ano que ía levar o nome do lexendario grupo folk Fuxan os Ventos, a rexedora matizaba despois que aínda non había nada decidido, no que era un novo exemplo de desencontro entre os socios. Visto que aínda queda moito para levantar o telón, a min paréceme que o nome máis acaído é o de Auditorio Max Estrella.

Comentarios