Blog | Sursuncorda

E o alcaldable, que?

No PP seguen a xogar ás escondidas e se hai meses se daba por feito que Carballo ía repetir agora soa forte o nome de Ameijide
Ramón Carballo, entre Enrique Rozas e Antonio Ameijide e con Elena Candia detrás, durante un acto do PP de Lugo antes da pandemia. AEP
photo_camera Ramón Carballo, entre Enrique Rozas e Antonio Ameijide e con Elena Candia detrás, durante un acto do PP de Lugo antes da pandemia. AEP

Non é que semelle que haxa extrema preocupación entre o electorado lucense por ver quen vai ser o vindeiro candidato ou candidata do PP á alcaldía de Lugo, pero tendo en conta que estamos a falar da forza máis votada no concello desde 2007, si que hai certo interese por saber que pasa nese partido, onde a un ano das eleccións locais aínda non houbo fumata blanca.

Tamén é certo que o PP viviu nos últimos meses e está aínda niso un intenso proceso de renovación do liderado, empezando polo relevo de Pablo Casado por Alberto Núñez Feijóo na presidencia nacional e, a vindeira semana, de Alfonso Rueda polo propio Feijóo no PPdeG.

Ese terremoto interno que sufriu o PP e que, segundo as enquisas, estalle a dar novas expectativas de recuperar a Moncloa, supuxo unha fuga de cerebros do PP galego a Madrid que obriga a unha recomposición do partido, algo que seguramente está a condicionar o feito de que sigan sen anunciarse os alcaldables das sete grandes cidades.

Pero aínda que hai meses xa se daban por seguros algúns nomes, como o de Ramón Carballo repetindo en Lugo, logo destes meses de cambios dá a impresión de que xa non están tan claras as cousas. De feito, o protagonismo que está a ter nos últimos tempos o vicevoceiro municipal Antonio Ameijide, consentido polo propio Carballo, dá que pensar de que podería estarse artellando unha remuda no cartel que van presentar os populares en maio de 2023.

Outros nomes que tamén soan para a candidatura do PP en Lugo son Javier Arias, Enrique Rozas e mesmo Elena Candia

Ameijide, que antes foi fiel escudeiro de Jaime Castiñeira e agora tamén de Carballo, ten ademais moi boa sintonía co secretario xeral do partido en Galicia, Miguel Tellado, quen tamén colleu a maleta para Madrid ao pasar a ser vicesecretario de organización do partido.

Ramón Carballo, quen vería con bos ollos seguir no Parlamento de Galicia e deixar paso a un novo candidato, era así e todo a primeira baza pola que apostaba hai meses o PP de Lugo para a candidatura. Pero o novo escenario, no que a palabra renovación volve soar forte, pode facer mudar de opinión á dirección provincial e local, que deberá decidir se lle dá a alternativa a Ameijide ou busca unha cara nova coa que intentar sumar votos dabondo para recuperar unha alcaldía que se lle resiste desde o século pasado, en concreto desde 1999.

Entre eses nomes alternativos que soaron está o de Enrique Rozas, un exconcelleiro con cargo na dirección provincial e que mesmo foi obxecto dunha campaña en Facebook para promocionalo como alcaldable, e tamén o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen con todo parece máis centrado en atender a provincia que en promocionarse na cidade.

Nos mentideiros políticos hai incluso quen fala de que a propia Elena Candia podería afrontar o reto de ser candidata por Lugo e competir coa actual alcaldesa por un bastón de mando que xa tivo en Mondoñedo. Iso si, tería que facer un empadroamento express en Lugo como o que acaba de facer algunha candidata en Andalucía, pero tamén é certo que ningún alcalde de Lugo da democracia naceu na cidade.

Comentarios