Blog | Sursuncorda

E iso que?

Edificios históricos como o cuartel de San Fernando seguen sen data para a rehabilitación
Cuartel de San Fernando. SEBAS SENANDE
photo_camera Cuartel de San Fernando. SEBAS SENANDE

Á MIÑA CADELA deulle por levantar as baldosas da terraza cando se queda soa na casa e as que consegue rachar traemas diante da porta para que me decate da desfeita. Logo, pídolle explicacións, e cando lle solto, "e iso que?", asume a culpa, déitase no chan e mira cara outro lado. A manobra de exculpación tena moi depurada e mesmo agora só fai falla que fite para ela con cara de cabreo e xa fai a técnica da avestruz sen esperar que diga nada.

Os xestos de Leila, que só buscan chamar a atención para que a saque á rúa, recórdanme as actitudes dos gobernantes que non son capaces de ponerse dacordo para sacar adiante proxectos e ao único que se adican é a poñese cascallos diante da porta pensando que así poden chamar a atención dos cidadáns. E desfeitas temos varias na cidade de Lugo que por moito que preguntemos "e iso que?" pasan os anos e seguen a estar diante nosa esperando unha solución. Ocorre por exemplo co cuartel de San Fernando, un edificio histórico que agocha o deterioro máis preocupante no interior, pero que pasan os anos e os orzamentos das administracións e ningunha é quen de darlle unha solución máis aló de reivindicar proxectos prometidos a sabendas de que non había interese por executalos.

Tivo no seu día este edificio militar, polo que todo rapaz da miña xeración tivo que pasar para ver se estaba listo para ir a filas, unha oportunidade cando se barallou reconvertelo en auditorio, un proxecto fallido pola profunda transformación que ía sufrir a estrutura nunha zona ademais moi preto da muralla.

MUSEO-PARADOR. Daquela decidiuse facer un auditorio de nova pranta en Magoi, rematado desde hai anos e que aínda temos pendente de abrir, e proxectar no cuartel un museo arqueolóxico que ía recoller pezas de toda Galicia. A idea, que mesmo foi debuxada nun anteproxecto e presentada polo conselleiro de Cultura

Roberto Varela, quedou no caixón da crise e só cando os días de prepandemia auguraban a recuperación económica volveuse abrir o melón cun debate disuasorio no que se chegou a proponer un parador-museo de turismo.

O covid-19, que veu para tapar bocas, tamén enterrou de novo o futuro de San Fernando e a nova normalidade tampouco está servindo para amosar esperanzan inmediatas de rehabilitación.

Lugo ten agora outras prioridades, que pasan por rabuñar fondos europeos deseñados para facer cidades sostibles no extrarradio urbán, malia que o patrimonio dalgunhas estea a esmorecer nos cascos históricos. Só hai que darse unha volta arredor do adarve da muralla para ver como se acumulan cascallos á súa beira, con casas ruinosas, fachadas sen lucir, solares pendentes de edificar ou edificios "protexidos" como San Fernando, a Casa Torre ou o Pazo de Doña Urraca con proxectos de recuperación parados. E o peor é que os lucenses, acostumados a estas imaxes, xa nin preguntan "e iso que?".

Comentarios