Blog | Sursuncorda

A Deputación como escusa

BNG e PSOE usan a institución provincial como zona de choque das súas rifas municipais
El aparcamiento del Centrad, cerrado ayer por la mañana.
photo_camera Cartel á entrada do Centrad anunciando un aparcadoiro público que aínda non é tal. XESÚS PONTE

AÍNDA QUE agora mesmo as única zonas de guerra no mapa son a fronteira entre Rusia-Bielorrusia e Ucrania e o edificio de Génova 13 en Madrid, en Lugo tamén se estivo a vivir nas últimas dúas semanas unha batalla entre dúas forzas condenadas a entenderse se buscan dirixir institucións.

PSOE e BNG non chegaron a mobilizar as súas forzas para intimidarse nin se chamaron publicamente delincuentes, pero si que buscaron captar a atención dos medios de comunicación con estraños movementos nada propios dos que se sentan ao carón nunha xunta de goberno. Claro que para evitar as discusións na mesma mesa, o mellor que se lles ocorreu aos dirixentes socialistas e nacionalistas do Concello foi buscar un campo de batalla propio pero á vez alleo, como é a Deputación, onde tamén manteñen un matrimonio de conveniencia.

A chispa disque saltou porque a petición de uso público fóra do horario de oficinas do aparcadoiro do Centrad, que xestionan os nacionalistas, non acababa de ser autorizada pola presidencia da Deputación, que ocupa o socialista José Tomé. E cansos de esperar, o tenente alcalde Rubén Arroxo e os deputados provinciais Maite Ferreiro e Efrén Castro optaron por inaugurar o cartel que anunciaba a entrada libre ao párking con 40 prazas, unha decisión que tivo a réplica socialista ordenando ao garda de seguridade pechar a cancela de entrada e alegando que faltaba un papeliño. Fontes nacionalistas non tardaron en culpar da decisión a "un señor de Monforte" que impide aos lugueses desfrutar dun céntrico aparcadoiro que está baleiro durante a fin de semana e, días despois, os concelleiros do BNG comezaron a pedirlle contas á Deputación esixindo o arreglo da rúa Filarmónica Lucense, propiedade do ente provincial.

Pero o contraataque non se demorou e, aproveitando a xunta de goberno do venres, a parte socialista do goberno provincial anunciaba a aprobación da partida orzamentaria que fará posible a contratación da futura praia pública fluvial de Lugo, encabezando o comunicado cun expresivo titular: "O presidente da Deputación cumpre".

A liorta é certo que rememora a nova guerra fría entre EE.UU. e Rusia, que agora ten como escenario de confrontación Ucrania, ou a batalla polo poder entre familias populares, que sempre se ventila en Madrid. No caso de Lugo, a Deputación é a escusa para poñerse verde sen danar a relación dos socios no Concello, onde as cambadelas son máis sutís e baséanse en competir para ver quen peonaliza máis ou quen organiza máis actos lúdicos.

Aínda que o espectáculo non é tan lamentable como o que están a dar os dirixentes do PP en Madrid, en Lugo PSOE e BNG saben que por moito que tensen a corda van ter que entenderse se queren repetir gobernos tanto no Concello como na Deputación. Iso ou seguir rifando e acabar entregando as institucións ao rival como lle ocorreu no 2009 a ese bipartito que lle serviu en bandexa a Xunta a Núñez Feijóo.

Comentarios