Blog | Sursuncorda

A cidade trampantollo

O casco histórico gaña espazos para os peóns ao mesmo ritmo que perde veciñanza e actividade comercial
Praza de Santo Domingo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Praza de Santo Domingo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Teño unha dúbida como cidadá que adoita reflexionar sobre o deseño dos espazos onde vivimos e nos movemos. Non sei se no intento de convertir o casco histórico nun santuario para o peón estaremos a crear un parque temático para turistas, como xa fixeron noutras latitudes, que queda sen vida pola noite agás nas rúas de viños.

Cidades que cada ano atraen a millóns de visitantes como Florencia ou Venecia ou máis de preto como Ávila ou Zamora, viron crecer ao seu carón novas urbes cheas de vida, ruído e motores mentres preservaron os seus recintos históricos para amosalos como pezas de museo ao tempo que xeraban negocio. Sen embargo, a función residencial que tiveron no seu día eses barrios medievais practicamente desapareceu empurrada por esa moda desafiuzadora chamada xentrificación. Só hai que darse un paseo polo centro de Lugo con perspectiva de 360 graos para ver como agroman os carteis de edificios en reformas para apartamentos turísticos na mesma proporción en que o fan os de véndese ou alúgase nos baixos que en tempos acolleran comercios rendibles.

Hai uns días, un deses negocios que levan décadas surtindo de artigos de bazar a clientes en Santo Domingo anunciaba o peche, adiantándose a unhas obras na praza que a van converter en territorio hostil para os vehículos.

Se aos veciños dos barrios lles é máis doado mercar ou pasar o día nas grandes superficies, o traballo feito no centro será en balde

En Quiroga Ballesteros, onde a peonalización descubriu un espazo agradable e seguro para o paseo, semella porén que a actividade comercial baixou, se cadra por estar en fase de adaptación. Mais moito me temo que, cando lle toque o turno do peche ao tráfico á Rúa Montevideo, se lle acabe por dar a puntilla a unha zona comercial que foi esmorecendo nos últimos anos, sobre todo pola venda por internet, pero se cadra tamén porque a dinámica de horarios invita máis a recurrir aos centros comerciais, onde é gratis aparcar e toda a oferta está a tiro de pedra.

Sigo sen saber cal sería a solución a esa perda de veciñanza e actividade comercial, pero non estaría de máis que todos eses cartos que chegan de Europa para que fagamos unha cidade ao gusto dos que pasean e dos visitantes tamén mire que fórmulas alternativas se poden poñer en marcha para recuperar residentes no centro e para facer que reviva o comercio. Porque se aos veciños dos barrios máis poboadas da cidade, como Fontiñas, A Piringalla ou O Castiñeiro, se lles fai máis doado ir mercar ou pasar o día ás grandes superficies, entonces todo o traballo por achegar o centro aos cidadáns será en balde.

Agora que entramos en ano electoral e que as grandes obras que se están rematando nos serán presentadas como un éxito de xestión, estaría ben pararse a pensar se os modelos que imitamos de cidades con cascos históricos que tan lucidos quedan nos vídeos promocionais son de verdade o que queremos ou se no canto deberiamos facilitar a repoboación vital e comercial do centro con medidas menos excluíntes para o cidadá motorizado. Eu non o sei, pero deixo aí a reflexión para os que deciden.

Comentarios