Blog | Patio de luces

O país dos mudos

Non é un problema para o BNG, é un problema para o país, que volve a quedar sen voz nas Cortes españolas". Con esa reflexión, despois de recoñecer que os resultados obtidos nas últimas eleccións xerais non foron os esperados, nin moito menos satisfactorios para a súa organización, despachábase a candidata ao Congreso por Lugo, Olaia Rodil. Se non fose polo feito de que os nacionalistas fixeron desa idea o eixo central da súa campaña, aínda poderíamos pensar que unha afirmación tan rotunda na noite electoral foi froito da decepción por un obxectivo non cumprido. Dun momento de carraxe contida. De rabia, porque as cousas non saen como un quere. Todo o mundo pensa en alto algunha vez. Quen non dixo, por outra parte, frases que saíron máis das tripas que do maxín. Non é o caso. O Bloque cansouse de recitar ese mesmo refrán durante meses. Reiterou, por activa e por pasiva, que sen os seus representantes en Madrid, Galicia quedaría muda ante o resto do Estado. Ou eu ou ninguén. Os demais, veciños, non mirarán polo voso. Vanse a comportar como estranxeiros, aínda sendo de aquí. Maila que lles votedes.

A xente do BNG chegou a asegurar en campaña que os galegos xa estaban arrepentidos de que non obtivese representación nos comicios de decembro. Que se deran conta dese erro e a cousa ía cambiar na segunda volta. A colleita desa mensaxe é a coñecida. Tan amolados estaban os sufraxistas pola súa ausencia nas Cortes que na nosa provincia a candidatura do Bloque seguiu baixando. O 26 de xuño roldou os cinco mil votos e quedou reducido a unha forza política case residual. Pasoulle por diante ata Ciudadanos, un partido que naceu antonte. Dende logo, imputarse a un mesmo a representación de todo un pobo é dunha soberbia desmesurada. Trátase dunha arrogancia maiúscula que, á vista dos resultados, non calla na nosa xente. Máis ben provoca rexeitamento. Se só eles teñen a voz, por quen falarán entón os deputados lugueses do Partido Popular ou do PSdeG. A quen defenderá Miguel Anxo Fernán Vello, parlamentario dunha marea na que navegan, nadan, flotan ou se afunden moitos vellos militantes do nacionalismo galaico.

O Bloque, que foi un partido moi importante en Galicia, comezou a desangrarse polas súas liortas internas. Polas feridas abertas marcharon moitos dos militantes que dedicaron parte da súa vida e talento a unha organización que non foi agradecida con eles. Agora, comicio tras comicio, vaise murchando. É como as follas dos castiñeiros e dos carballos cando chega o outono. Aguantan sen vida nas polas ata que o vento acaba por tiralas. Ao final, caen ao chan e alí podrecen. Non parecen preocupados, en todo caso, os actuais reitores do BNG. Da a sensación de que están encantados de terse coñecido. Cando un se libra daqueles que lle levan a contraria, queda máis a gusto. Rematan as discusións e un solo escoita o que quere oír: A súa propia voz.

Agora, neste preciso momento, cando a representación institucional do partido está baixo mínimos, e mesmo se fala dunha posible marcha do alcalde de Ribadeo, os dous deputados do BNG deixan o goberno da Deputación. O motivo é a quebra de confianza no seu socio. Abandonan o bipartito que veu gobernando a institución provincial durante os últimos nove anos, co breve mandato de Elena Candia polo medio. Sentíronse desprazados polo presidente. Din que negociou os orzamentos co Partido Popular ás súas costas. Foi unha infidelidade, segundo Xosé Ferreiro. Unha debilidade suficiente para decretar un cese temporal da convivencia en parella. O secretario de Organización, Bieito Lobeira, dixo que foi moi grave, mesmo para «revisar» a relación de familia entre nacionalistas e socialistas en tódalas institucións nas que manteñen coalicións de goberno. Ben é certo que as súas palabras recibiron cumprida resposta ás poucas horas. En Pontevedra e na Coruña non se vai tocar nadiña. Os de Lugo que se vaian amañando como podan e termen das súas decisións. O divorcio colectivo non está ben visto en política.

O caso é que Darío Campos fixo o que tiña que facer. Dende o pasado luns é máis presidente. Sacou adiante o orzamento para este ano nunha negociación persoal coa voceira popular. Ademais, a súa situación política non mudou demasiado. Xa estaba a gobernar en minoría e para sacar adiante calquera iniciativa tiña que negociala primeiro co socio e logo coa oposición. É posible que agora a cousa se simplifique. Elena Candia tamén sacou tallada. Dinamitou un bipartito que sobreviviu a dous mandatos sen grandes diverxencias públicas. Á larga, tamén esa circunstancia pode ter as súas consecuencias de cara a recuperar o ansiado trono de San Marcos. Ata Martínez quedou contento. Ao final, vanlle facer a residencia para persoas maiores en Becerreá.

Lobeira dixo que os seus deputados tamén "fixeron o que tiñan que facer", por "coherencia e dignidade". Non sei que réditos sacarán os nacionalistas desta decisión, pero a curto prazo non pinta ben. Teño a impresión que este problema é máis seu que do país dos mudos.

Comentarios