Blog | Patio de luces

Mal perder

UN COÑECIDO ao que agora non vexo con demasiada frecuencia comentoume hai xa algún tempo, con certa sorna teño que dicir, que da o mesmo se agora non coincidimos tan a miúdo como antes. "Sei como pensas", díxome, precisamente a conta deste patio de luces que cada venres recibe a novos veciños. Ademais, non podo negalo. O dito, dito queda. O vento leva as palabras, pero a súa esperanza de vida é maior se quedan rexistradas por escrito. Miguel Anxo Fernán Vello, escritor, editor e deputado de En Marea pola provincia de Lugo dende hai algúns meses, sábeo ou debería sabelo. Non é ignaro na materia. Vaille no oficio e no beneficio. Aínda así, usou unha coñecida rede social para expresar a súa frustración polos resultados electorais do pasado domingo. Chamounos alienados e ignorantes aos galegos. Polo menos aos que non opinan coma el.

O Twitter non permite pararse en detalles. Os chíos tan só dan para uns cantos caracteres. Será por iso que nin sequera marcou diferencias entre aqueles que apoiaron ao candidato Luís Villares e aqueles outros que se decantaron por outras opcións, nomeadamente pola que representa o Partido Popular. En todo caso, hai que entender que os seus epítetos ían dirixidos, máis ben, a toda esa tropa de xente que non votou pola súa proposta política. A reacción a eses adxectivos do poeta non se fixo esperar. Na Internet caéronlle paus para aburrir. Neste caso non só de posturas ideolóxicas máis ou menos distantes da súa. Tamén por parte de usuarios que non son precisamente sospeitosos de voar coa gaivota. Ao final, acurrado, tivo que desculparse. "En quente podemos expresar ideas desacertadas. O pobo falou e ten todo o meu respecto". O xesto non está exento de certo valor, pero o dito, dito queda. Ao mellor só dixo o que pensaba sen reflexionar demasiado sobre as consecuencias.

Está ben que el mesmo recoñecese que "rectificar" era "preciso". Tamén que se desculpase ante aqueles que se sentiron ofendidos pola súa forma de expresarse. En todo caso, quedou máis o menos claro cal é seu xeito de pensar. Sucede, ademais, que non foi o único que se retratou na súa casa política despois das eleccións. Non caeu ben o veredicto dese fato de indocumentados que foi a votar por unha proposta diferente. O propio coordinador de campaña de En Marea, Manuel Barreiro, tamén demostrou que ten mal perder. Na primeira valoración que fixo durante a noite electoral xa dixo que "haberá un goberno do Partido Popular, pero non haberá un goberno de tódolos galegos". Engadiu que o novo executivo "será discutido" nas "rúas e nas prazas", o que pode levar a algún leigo na materia a preguntarse para que queremos entón un Parlamento e, sobre todo, por que temos que pagar o salario co que malviven os señores deputados. Ao seu entender, hai "fame de cambio político en Galicia". O que non aclara é se tamén teñen esa garula os milleiros de votantes que volveron a darlle ao candidato Feijóo unha maioría absolutísima. "Escravos" que votaron polo "amo", "o señorito" e o "cacique", en palabras de Fernán Vello. "O pobo alienado e ignorante".

Tampouco estivo especialmente lúcido na súa valoración o propio candidato. Falou da falta de tempo para explicar o seu proxecto e queixouse da cobertura informativa. Un clásico. Non mencionou o seu discreto papel no debate, a perda de apoios nos concellos gobernados polos seus alcaldes, os desencontros cos socios de goberno ou as liortas internas. Esquerda Unida formaba parte da Marea, pero os seus líderes en Lugo pouco ou nada se deixaron ver nos actos da plataforma. O seu remo estivo quieto.

Mal andamos cando un pensa que ten a razón pero o pobo non o comprende. A iso chámaselle soberbia. Outros partidos emprenderon antes ese camiño e a piques estiveron de desaparecer.

En política, para vencer, primeiro hai que convencer. O problema non está no que diga ou deixe de dicir de maneira pública o deputado Fernán Vello cando se que lle quenta a boca ou a pluma, senón no que realmente pensa. Agora xa o sabemos.

A do polbo
Cada vez que se achega o San Froilán, vénseme á cabeza unha ilustración de Castelao. "Non lle poñades chatas á obra mentres non se remate. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos", di o texto. Sempre estamos na mesma. As patronais de Lugo, os grandes festexos do outono en Galicia, son noticia nos meses previos por problemas relacionados coa súa organización ou polémicas absurdas que non conducen a nada. Polo menos a nada bo. O caso é que os organizadores das festas sempre levan a do polbo antes de que se dispare a primeira bomba de palenque.

Comentarios