miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Pedagoxía

O Día das Letras Galegas é tan bo como calquera outro para loitar contra a ignorancia dos que desprezan as linguas oficiais

O MARTES celebramos o Día das Letras Galegas. Entendo que, ao igual que sucede cos ateos nas festas do Nadal ou na Semana Santa, haberá xente que gozará dunha ponte festiva sen pensar demasiado no significado dunha xornada tan sinalada para a defensa da lingua propia. É normal. Hai quen non lle dá demasiadas voltas ás cousas. Aplaude coas orellas ante a posibilidade de coller catro días libres. E punto. Outros nin iso. A maioría do persoal ten que traballar o luns, como calquera outra xornada laboral, e outros moitos mesmo no festivo. Cada quen sabe de si e das súas circunstancias. O caso é que en Galicia o 17 de maio está marcado no calendario. Escolleuse esa data porque foi a da publicación en 1863 da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, un dos fitos que marcou o inicio do Rexurdimento. É polo tanto un día de festa, hai motivos, sen dúbida, pero tamén ten que ser un tempo de reivindicación e exaltación da nosa cultura.

Será o primeiro Día das Letras Galegas, despois de moitos anos, sen Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia. Nas próximas xornadas, ou meses, non sei, haberá un novo inquilino en Monte Pío. Entendo que aínda non fixo a mudanza. Non lle deu tempo. Por máis que a cousa se fose preparando nas últimas semanas, aínda ten que aterrar no cargo. Supoño que haberá que asinar un contrato de alugueiro ou algo así. En todo caso, ante a inminencia desa efeméride, pensei máis no novo presidente do Partido Popular que en Alfonso Rueda, que ten que coller aínda as rendas do goberno galego. Teño os meus motivos.

Despois do seu nomeamento, pasado o congreso de Sevilla, vin unha serie de comentarios nas redes sociais francamente preocupantes. Máis que nada por toda a ignorancia que encerran algunhas desas mensaxes. Tamén desprezo por aquilo que, evidentemente, non se coñece. Son unha pequena mostra, apenas un indicio, do complicada que é a súa nova situación e dos moitos equilibrios que terá que coidar para ter da súa parte á parroquia, agora máis grande e diversa. Había quen lle botaba en cara a Núñez Feijóo que "arrinconase" ao castelán nas aulas galegas. Outros cuestionaban que ao fronte da Xunta contradicise ao que entón era presidente do seu partido, que supostamente pretendía prohibir por lei que o coñecemento da lingua galega fose indispensable para acceder a un emprego público nesta comunidade autónoma. Había quen falaba del como un "nacionalista", sen dúbida xente moi á dereita do Partido Popular e do sentido común.

Descoñecen moitas cousas os autores desas mensaxes nas redes. Por exemplo, algo tan básico como que o galego é a lingua oficial —xunto co castelán— das institucións en Galicia. Tamén que os seus habitantes teñen o dereito de usalo. Daí que se pida o seu manexo como requisito para acceder á función pública. Aqueles que aseguran que o castelán está esquinado nas aulas, evidentemente non saben do que falan. Un estudo elaborado pola Real Academia Galega revelaba hai menos dun ano que un de cada dez alumnos renuncia á lingua familiar no seu primeiro contacto cos centros, a pesar de que practicamente a metade dos pais aseguraba falar habitualmente en galego cos seus fillos. Esa investigación constataba ademais que o proceso de cambio cara o español era máis agudo entre os tres e os sete anos, co paso de infantil a primaria. Sexa polo que sexa, non parece que o ámbito educativo faga agromar novos falantes, máis ben ao contrario.

Para alguén coma min, que pensa e soña en galego, é relevante o coidado da lingua propia. É unha riqueza tanto para Galicia coma para o resto do país. Se Núñez Feijóo comparte esa forma de ver as cousas, quédalle moita pedagoxía por facer na súa nova responsabilidade. O Día das Letras é tan bo como calquera outro para loitar contra a ignorancia e o desprezo dos que non saben máis.

Pedagoxía