Viernes. 25.05.2018 |
El tiempo
Viernes. 25.05.2018
El tiempo

Son os nosos

O extraordinario traballo dos actores da serie 'Fariña' convértese nun orgullo para todos nós e explica moito do éxito desta produción

REMATOU FARIÑA e xusto sete días despois dese espectacular capítulo final aínda seguen no aire as sensacións que a serie deixou entre nós. Que toda España se asomase a uns feitos dos que non nos podemos sentir orgullosos como sociedade que os acolleu ten que servir de terapia para o propio país, para facer da memoria daqueles anos unha lembranza irrenunciábel do que aconteceu, e merece unha reflexión sobre como toda unha comarca se mergullou nun escenario que tiña bastante de película, pero que ao fin e ao cabo se converteu nun inferno para moitas familias que viron como moitos dos seus compoñentes esnaquizaron a súa vida pola acción de todos estes indesexábeis. O libro de Nacho Carretero no que se basea esta produción televisiva remata cunha frase que nos obriga, tanto como lectores do libro como espectadores da serie, a que "non se debe esquecer o que aínda non rematou". Obriga, polo tanto, a manter vivos uns tempos nos que demasiadas veces mirabamos cara outro lado e que aínda hoxe, ao coller o xornal, lévanos a decatarnos da realidade desa afirmación, xa que as bandas do narcotráfico seguen a actuar en diferentes puntos da península entre os que Galicia segue a ser un dos seus epicentros, os Charlines veñen de levar unha malleira na súa propia casa e temos ao gran protagonista da serie, Sito Miñanco, entrando e saíndo de cárceres e xulgados.

Se daqueles feitos non nos podemos sentir orgullosos, do que si o podemos facer, e ben forte, é do traballo dos nosos actores, que son un dos puntos sobranceiros da serie e do seu éxito. Un elenco actoral cuxa selección foi ben atinada, en primeiro lugar por confiar en moitos dos nomes que levan anos a traballar na interpretación e, por outro, por outorgarlles un papel protagonista, non deixándoos como meros figurantes xunto a actores recoñecidos a nivel nacional pero afastados da nosa identidade, un elemento esencial á hora de achegarse a aqueles feitos. Todos eles e elas fan un impresionante exercicio que amosa as súas capacidades, as mesmas que contemplamos en diferentes traballos do audiovisual galego, en representacións teatrais ou noutro tipo de interpretacións que non tiveron este altofalante mediático que supón traballar nunha serie a nivel nacional e con moitos recursos, e o que é aínda máis importante, sendo ben investidos nun produto de calidade.

Morris, Carlos Blanco, Manuel Lourenzo ou Isabel Naveiras, por citar algúns dos que máis me impactaron, dentro do altísimo nivel de todos os participantes, deixaron ben claro que poden afrontar calquera reto e meterse na pel de quen se lles poña por diante. Fariña constatou que xunto a Luis Tosar ou Javier Gutiérrez, hai toda unha constelación de actores que converten a Galicia en potencia neste campo. Moitas veces os temos visto en traballos que non tiñan este lustre. Proxectos que, sobre todo na Televisión de Galicia, tiñan un punto desventurado en canto ao propósito, pero que os actores eran quen sempre de soster e sacar adiante. Agora, con este marabilloso produto que Antena 3, a través da productora Bambú (tamén de esencias galegas), puxo en circulación, todos eles libéranse de atrancos e brillan dun xeito descomunal e fan que esteamos orgullosos dos nosos, deses que durante tempo nos levan acompañando nun entretemento indispensábel para poder sobrevivir e para seguir facendo cultura, da que todos eles son boa parte. Cultura que hoxe, a carón do Día de Letras Galegas, supón tamén, dende as súas interpretacións, algo ben importante que celebrar por todos nós.

Son os nosos
Comentarios