Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

'La catedral y el niño'

Unha nova edición da obra de Eduardo Blanco Amor recupera unha das grandes novelas en castelán do século XX escrita fóra de Galicia

Outro emigrante, José Suárez, tomou a famosa que ilustra a capa do libro de Blanco Amor. JOSÉ SUÁREZ
Outro emigrante, José Suárez, tomou a famosa que ilustra a capa do libro de Blanco Amor. JOSÉ SUÁREZ

DÍA DE Galicia. Día de sentimentos e emocións que van máis alá dunha liña nun mapa para mesturarse co que moitos galegos senten, tanto no noso territorio como naquel lugar do mundo no que se atopen. Un deses galegos que levou a súa patria no interior durante os tempos do exilio foi o escritor Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897-Vigo, 1979), do que se vén de reeditar, nunha abeizoada edición a cargo da sempre intelixente editorial Libros del Asteroide, a que é a súa mellor novela (aínda que A esmorga teña moito máis sona) La catedral y el niño, escrita no exilio entre Arxentina e Uruguay, e sustentada na memoria da súa infancia na vila das Burgas aquí chamada Auria.

Eduardo Blanco Amor emigrou en 1916 a Bos Aires, onde fixo carreira no xornalismo para voltar a España en 1929 como corresponsal de La Nación comezandoa ter contacto con Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao, co que chegou a colaborar na revista Nós. En anos seguintes o seu círculo de amizades englobaría a nomes tan senlleiros da cultura como García Lorca, ao que editou os seis poemas galegos escritos por García Lorca, aínda que hai tamén quen pensa que foi o propio Blanco Amor quen axudou, e moito, ao granadino a escribir en lingua galega. A Guerra Civil cólleo en Bos Aires e xa non se moverá daquela capital ata o seu regreso en 1966 con case setenta anos, desenvolvendo ademais do traballo de escritor, en prosa e verso, en castelán e en galego, unha intensa actividade como editor.

Polos máis diversos motivos Galicia non acostuma a ser moi agarimosa cos seus, obrigados en moitas ocasións por unhas ou por outras cuestións a traballar lonxe dela. Os procesos migratorios forman parte do noso ADN, en tempos por obrigas brutais, vencelladas á pobreza e ao atraso, despois ás persecucións froito da Guerra Civil, e no noso tempo pola escaseza dunha aposta decidida polos nosos talentos que ven como noutras latitudes xorden oportunidades e confianzas que non reciben en Galicia. É ben curioso como este texto dun emigrado como Eduardo Blanco Amor, sae do prelo dunha editorial dirixida dende Barcelona por outro galego na diáspora, Luis Solano (Vigo, 1972), que, fundada en 2005 por el mesmo é, hoxe en día, unha das máis respectada polo seu catálogo e seriedade á hora de recuperar textos polos que outras moitas editoriais, máis planetarias nas súas intencións fronte a este modesto asteroide, non apostarían, sempre preocupadas por primar a rendibilidade sobre a literatura de calidade. Que sexa alguén nado na mesma cidade ás orelas do Atlántico na que morreu Blanco Amor quen saque do prelo unha fermosa edición dun texto non moi coñecido polo lector en xeral ten algo de xustiza poética, tamén de berro que co altofalante dun 25 de xullo no pode ser máis que de rebeldía daqueles que non poden facer da súa terra o espazo no que desenvolver o seu talento e cualidades.

Non é mala época a do verán para mergullarse nesta novela. Fonda e familiar, cun regusto ás grandes historias das sagas que conformaron a gran novela do século XIX ao estilo de Os Maias de Eça de Queiroz. Unha linguaxe sobranceira que nos coloca ante a mirada dun neno entre os seus pais separados movéndose en mundo contrapostos e todo iso nunha vila como a Ourense de principios de século XX.

Todas elas, as dos protagonistas da novela, a do autor e a do editor, son miradas de galegos que se achegan a nosa realidade dende tempos e xeografías distintas pero sempre co latexo dunha mesma terra.

'La catedral y el niño'
Comentarios