Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Escumas de paixón

A cervexa identifica cada vez máis a Galicia como un lugar no que as cousas se fan ben

Gustavo Rey, subcampeón de España de tiraxe de cerveza. ESTRELLA GALICIA
Gustavo Rey, subcampeón de España de tiraxe de cerveza. ESTRELLA GALICIA

NON SE enganen vostedes e pensen que Galicia se vertebra a través de ter un banco propio, ou por un sistema de comunicacións axeitado ao século XXI, ou por unha política cultural que responda ás necesidades dun país, ou polo emprego cotiá e apoiado polo seu goberno do galego. Non, non... todo iso, que aínda está por acadar, palidece cando o comparamos co que realmente estrutura a sociedade galega de norte a sur ou de este a oeste, sen fisura algunha, sen unha soa dúbida e camiñando todos xuntos da man: a cervexa que brota da factoría coruñesa de Estrella Galicia e que se consome por toda Galicia como un néctar que nos une a todos nunha mestura de paixón e orgullo.

Paixón por unha calidade que vemos como medrou co paso do tempo, como esas cervexas pequeniñas dos anos oitenta, que agora recuperamos visualmente grazas á serie Fariña e que formaron parte do noso proceso de crecemento. Son moitos os instantes das nosas vidas que se unen a esas botellas e a esas caixas amerelas co logotipo da marca. Agora as botellas medraron, ao mesmo tempo que o fixo a empresa, con novas variedades, como esa 1906 que marca a súa data de nacemento, pero que ao mesmo tempo é un agasallo dos deuses polo seu sabor. Cada vez máis asociamos un bo momento a un sabor e a compartilo cos nosos. Un ámbito, o dos afectos, traballado tamén pola empresa con propostas para o Samaín, o Nadal ou o Día da Nai.

É un néctar que nos une nunha mestura de paixón e orgullo

E orgullo polo que ten case de bandeira dunha terra, por sentir que unha empresa galega pode facer ben as cousas ata posicionarse non só no noso territorio, senón espallarse por toda a xeografía do estado e agora, tamén por fóra del. Moverse por España, e sentir co paso das horas como medra a distancia co Atlántico, ten o seu acougo cando un se senta nunha cadeira co logotipo desta cervexa, pero sobre todo cando a bebe ao pé da Giralda de Sevilla, ou na Gran Vía de Madrid, e semella regresar, sen moverse desa cadeira, a unha das nosas prazas de pedra e memoria ou sente que se atopa nunha praia ollando a liña do horizonte como se nada máis importase no mundo.

Ese posicionamento publicitario e mediático que chega a festivais musicais, equipos de fútbol ou eventos gastronómicos como o salón Gourmet que se está a celebrar estes mesmos días en Madrid, é un pulo, xa non só a unha marca e ao seu rendemento económico, senón que tamén reflicte a toda unha terra como é Galicia. Nese salón vense de celebrar o V Campeonato Nacional de tiraxe de cervexa, no que un hosteleiro de Ribadumia, Gustavo Rey, acadou o subcampeonato. Todo un fenómeno en xestionar cañas que xa levou en 2016 o título. Sempre me chamou a atención este tipo de certames por coñecer que é o que se valora á hora de tirar do mellor xeito unha boa caña. Cal é o equilibrio tan misterioso coma preciso entre o dourado e o branco, entre esa escuma de paixón e esa bebida de orgullo. Nesa harmonía está o segredo do que no concurso da vida tamén podemos gozar grazas ao cada vez mellor facer dos nosos hosteleiros.

A cultura da cervexa ten en Galicia unha referencia. Bares cada vez máis equipados e mellor preparados para acadar ese equilibrio e proporcionar un deses intres que fan o día a día o máis levadeiro posible, tamén as marcas de cervexa artesanal están a xerar produtos dunha gran calidade e nos descubren excitantes sabores. Identificámonos coa nosa cervexa porque bebela significa beber moito do que é unha terra chea de estrelas que brillan de noite e de día.

Escumas de paixón
Comentarios