Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Pólvora e magnolias

NO MUNDO da arte hai exposicións necesarias e outras imprescidíbeis. A centrada na obra de Ánxel Huete, Unha revisión crítica, e que se pode ver no Marco de Vigo é unha destas últimas. Imprescindíbel polo que ten de aproximación dende a atinada construción dun discurso crítico sobre toda unha traxectoria artística; imprescindíbel pola acción de redescuberta dun deses nomes que non proliferan nas exposicións nin nas mostras colectivas, resgardándose da intemperie na execución mental dunha obra cunha fonda carga teórica que precisa do pouso necesario para agromar no lenzo, e imprescindíbel polo que ten de agradecemento ou tributo a un creador da sociedade na que se desenvolve e que sempre tarda de máis en chegar, cando chega.

Sumémoslle a isto a publicación de As artes da vida de Ánxel Huete, escrito por Xosé María Álvarez Cáccamo e que acaba de saír do prelo de Laiovento para completar esa necesaria revisión da obra do pintor ourensán, aínda que afincado na ría de Vigo, nesa Vilaboa que se ergue fronte á Illa de San Simón. Paraíso de inspiracións, pero tamén de memoria e compromiso co ser humano. Nese ecosistema xorde a obra de Ánxel Huete, tamén o libro de Álvarez Cáccamo, veciño e amigo, que nos ofrece un relato que os que manexamos manuais de arte agradecemos pola forma na que fuxe da panoplia teórica e explica toda unha obra a través de facer da vida arte, isto é, de achegarse aos vieiros aos que a vida nos obriga como instrucións da alma e da mente, experiencias de todo tipo que van sedimentando, neste caso, na pintura. Porque a pintura, como experiencia vital, tanto medra dende a observación dun cadro de Rothko como sentado fronte á enseada de San Simón cunha cunca de viño na man. Consegue Álvarez Cáccamo, a través dese compás de viaxes, coñecementos, amizades e propostas artísticas, darlle o equilibrio necesario á pintura de Ánxel Huete, o latexo quente dunha pintura que non é sinxela para o espectador, ata fría en ocasións, pero que nin precisa non selo nin é o que tenta evitar un creador en continuo diálogo coas posibilidades dese medio como xeito de expresión, como análise da realidade e tamén como rebeldía obrigada para desembocar na precisa dose de beleza. Pólvora e magnolias, poderiamos dicir, se nos acubillamos no poemario do seu amigo Méndez Ferrín, versos nos que se viu reflectido o pintor dende aquel 1976 que xa vai quedando tan lonxe de todo.

A súa pintura é unha codificación que ten moito de simbólica, de territorio xeneroso para a memoria


As salas do Marco, baixo o intelixente comisariado de Agar Ledo, xeran un palíndromo polo que transitar, un ir e vir no que recoñecer e recoñecerse nunha pintura con escasa pegada da realidade. Un terreo da abstracción abeirado en escasos recursos, a práctica negación da forma, pero no que unha fonda conceptualización das necesidades da pintura leva a eses cadros a converterse en poesía. Unha codificación que ten moito de simbólica, de territorio xeneroso para a memoria, para unha trascendencia dialéctica visual na que atrapar ao espectador fronte a esas superficies monocromas. Aqueles derradeiros setentas, nos que se esmagaban as sombras do franquismo, e os oitenta, que abrían as portas a unha nova percepción da realidade, asentaron unha pintura que agromou no relato xeracional de Atlántica, na que un conxunto de creadores gritaron dende o finis terrae para achegarse ao discurso mundial da pintura. Cada un ao seu xeito, cada un coas súas capacidades, pero intuíndose o berro grupal para marcar un territorio que precisaba ser ademais de estar. Chegaron os noventa e algúns rematabamos de estudar Historia da Arte cando se produciu un deses fitos que trascenden ás aulas e que, como se apalpa ao longo do ensaio de Álvarez Cáccamo, libérannos do rigor intelectual para pegarse á pel e non deixar a un da mesma maneira que antes de terse producido. En 1997 Ánxel Huete realiza unha intervención no Dobre Espazo do CGAC. A sensación de entrar naquel espazo mantense aínda afouta en min, recoñecendo a capacidade da pintura para modificar percepcións, para invadir paredes e miradas sen a necesidade da tradución do lenzo. Pintura sobre a parede nun baleiro negro que todo o engole e ante o que aínda fregamos os ollos cando o lembramos. Aquela etapa, a chamada Pintura de albanel, sintetizou opcións para sincerar unha pintura que xa só xiraba de xeito simbólico sobre si mesma. Estratos superpostos que sedimentan a memoria e nos que a presenza e a ausencia érguense como símbolos e como ética dunha pintura que se afunde no seu tempo, nos seus tempos, e na vida dun pintor que nestes días temos convertida en exposición pero tamén en libro. Dobre vía para achegarse a un ser imprescindíbel, Ánxel Huete.


Comentarios