Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Pór ouvido ao ruído do mundo

A poeta Luisa Villalta escintila hoxe dende a Cidade Alta da Coruña, onde compuxo un universo poético sementado dende a música, o pensamento e o compromiso cívico
A poeta Luísa Villalta. FOTO ARQUIVO FAMILIAR (RAG)
photo_camera A poeta Luísa Villalta. FOTO ARQUIVO FAMILIAR (RAG)

O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos.
(Poema da Cidade Alta. Luísa Villalta)

Luísa Villalta é a sexta muller gabada no Día das Letras Galegas dende a súa posta en marcha en 1963, paradóxicamente tamén cunha muller, Rosalía de Castro, unha cifra que aínda estremece polo exiguo do dato, e que non se afasta moito doutras listaxes de premios nacionais ou internacionais cunha escasa presencia feminina nas súas escollas. É certo que dende a Real Academia Galega pisouse o acelerador nestes tempos de espertar conciencias e os nomeamentos dende 2018 de María Victoria Moreno e Xela Arias, xunto ao da propia Luísa Villalta, apuntan nunha nova ollada cara a nosa paisaxe literaria, imposible de entender e por en valor sen o ronsel das nosas afoutas mulleres de letras.
  
A elección pola RAG da poeta coruñesa amosa, sendo imposible non poñela en relación á figura de Xela Arias, unha dende o sur e a outra dende o norte, a modernidade da nosa poesía, a relación cunha contorna dun xeito vívido e plural e o posicionamento dende a mirada feminina e á necesidade de ser escoitada como parte dun proceso de reafirmación, xa non só individual, senón colectivo.


Como adoita acontecer nos desexos que xorden arredor desta data de festa e emocións, achegarse de xeito decidido á figura seleccionada permite abrir un foco que ata agora sempre se amosa moi cativo. Canto máis no caso dunha poeta, sempre máis afastada do conxunto da cidadanía que xéneros como os da narrativa. Sumémoslle o morrer tan nova, con tanto por facer, pero tamén con moito feito, aínda que moi descoñecido e pouco traballado e difundido, o  seu carácter de rebeldía, de berro sobre as derivas dunha sociedade intuída xa como cada vez máis afastada da súa compoñente humana e sempre nunha clave de país, de aí que a figura de Luísa Villalta emerxa estes días como un alto faro que proxecta a súa escintilante luz ben lonxe sobre as escumas do mar, sinalando unha dirección pola que continuar durante moito tempo a nosa travesía ao longo dunha obra que ten moito de descuberta e de achegarse a máis xéneros que a súa relevante poesía, xa que tamén traballou teatro, opinión xornalística, ensaio, traducción. Efectivamente, moito por facer aínda.

A comezos de 2004 Luísa Villalta gañou o Premio Espiral Maior de Poesía con En concreto, era xa a obra de madurez, a consolidación dunha voz capaz, dende o íntimo, de fornecer unha mirada cara o colectivo. Antes del Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), sumaron os seus catro poemarios publicados en vida, mais tamén aquel 2004 foi o do seu inesperado pasamento por unha meninxite.

Sempre coidada na súa forma, na súa linguaxe, no seu compromiso coa propia poesía e coa sociedade na que medrou dende a súa Cidade Alta, pousar o violín para adicarse ao verso deixou unha pegada sonora e rítmica na súa palabra que hoxe é unha melodía para tentar domar o balbordo que somos. "Pór ouvido ao ruído do mundo", escribiu, e ese tentar descifrar a nosa complexidade é o que sinala a súa traxectoria, o fío deses catro libros de poemas aos que se lles suman dous máis publicados despois da súa morte, Papagaio e As palabras ingrávidas. En definitiva, unha obra sinalada polo gran coñecedor da súa obra, Armando Requeixo, como dunha "autoconsciencia extrema, ese seu constante interrogarse polo sentido da escrita, o papel da literatura, a natureza da palabra".

Pois hoxe é o día para que todos nós formemos parte desa interrogación, cómplices necesarios para darlle sentido a unha poesía que se impuxo ao seu propio horizonte vital e chegou a nós en forma dunha palabra que é música, dunha palabra que é orgullo de todos.