Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Herdanza

Iniciativas coma a do Salón do Libro de Pontevedra son unha travesía de esperanza

A pouco máis aspiro nesta vida que a deixarlle ás miñas fillas unha presa de dignidade, un brazado de respecto aos demais e varios andeis cheos de libros. Poucas cousas máis lles poden servir para percorrer este mundo cheo de riscos e trampas no que nos toca movernos. É por iso que cada vez que en Pontevedra se celebra o Salón do Libro Infantil e Xuvenil un sente como eses perigos perden forza fronte a miles de cativos ante un contacontos, ollando as páxinas dun libro ou vendo unha obra de teatro.

Percorrer eses espazos que xorden do maxín dunha chea de xente que traballa coa afouteza da ilusión convértese nunha travesía polo mar da esperanza, unha vacina contra esa batalla permanente que, dende moitos eidos da nosa sociedade, se mantén contra a cultura, entendida como un engadido ornamental das nosas vidas, cando tería que ser un dos nosos maiores referentes para a formación do ser humano.

De todas as imaxes que o Salón pode ofrecer, que son moitas ao longo dun mes cun programa repleto de actividades, poucas me invitan máis a manter ese optimismo como o feito de atoparme a un pai ou unha nai que ten ao seu fillo ou filla no colo compartindo un intre de lectura. É un momento no que se resume todo o que un pai ten que ser para un fillo: protección, cariño, educación e fantasía. Catro lados dunha habitación na que ambos serán invencíbeis. Ningún dragón poderá con eles, ningunha treboada afundirá o seu barco pirata e o ceo será do azul máis intenso posíbel para ver o ronsel que deixa un papaventos na súa danza co aire. Alí dentro o mundo de fóra detense, pouco importa o que nel aconteza ou as sacudidas que batan nesa porta convertida xa nunha fronteira infranqueábel. Alí, os dous xa son un, un ser único cuberto cun longo manto de esperanza.

Libros e amor, unha equivalencia que se converte en visíbel cando pai e fillo teñen un libro entre as súas mans

Este ano cúmprese a edición número dezaoito deste evento a orelas do Lérez. Dezaoito anos facendo das diferentes xeracións Principiños para percorrer o deserto á procura dun pozo de auga mirando as estrelas. Todo un enxame de cativos que sucarán un mundo no que se pincharán moitas veces coas rosas que quererán coller, decatándose da realidade. Porén, sempre terán ese alicerce ao que suxeitarse que é a imaxinación, e iso cultívase a partir de iniciativas como o Salón do Libro e o posterior traballo de colexios e familias para alimentar esa necesidade básica do ser humano. Un alimento tan preciso como a comida. "Eu, se tivera fame, e estivera desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría medio pan e un libro", afirmou Federico García Lorca nun fermoso discurso pronunciado na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuente Vaqueros (Granada), en 1931, para continuar: "¡Libros!, ¡Libros! Unha palabra máxica que equivale a dicir ¡amor! ¡amor!". Libros e amor, unha equivalencia que se converte en visíbel cando pai e fillo teñen un libro entre as súas mans no acubillo dunha aperta.


Galicia debería estar inzada destes salóns, destes redutos da nobreza da alma, destes castelos da esperanza. Aí non se terían que mirar presupostos nin fiscalizar investimentos. As bibliotecas do noso país deberían ter as portas ben abertas para que a elas cheguen o maior número de títulos co alento firme das administracións, as editoriais deberían ter o soporte necesario para que os seus prelos estivesen a botar fume todos os días e o Iva dos libros tería que ser un pesadelo disolto nas miradas dos lectores: "Nós, que comprendemos a vida, burlámonos dos números" é unha das ducias de frases salientábeis de ‘O Principiño’, ese catecismo que todo rapaz debería ler na súa infancia para volver a el cada certo tempo xa como adultos. Todos os números que nos terían que importar á hora de falar de cultura e libros non son os dos custos da súa produción, senón os dos lectores que consomen eses materiais.

O Salón do Libro, cando resta menos dunha semana para o seu peche, que será o día 2 de abril (Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil), xa contabilizou arredor de vintedous mil visitantes, o que supón máis de corenta mil olliños a toda máquina, vintedous mil corazóns bombeando sangue convertida en emocións que serán moi difíciles de esquecer. Pensen neses datos multiplicados polos dezaoito anos do Salón. Impresiona, non si? Pois todo ese esforzo non ten que converterse nalgo efémero, senón que esas sementes teñen que ser bosque para encher de osíxeno un mundo con cada vez menos aire limpo. Un bosque con lobos de veludo que non deixan de dar apertas aos cativos, de fotografarse con eles unha e outra vez sen ensinar nunca os dentes, en definitiva, un territorio para a ilusión e para que sexamos un chisco mellores. Que esa sexa a nosa herdanza.

Comentarios