Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Elas, no silencio

DOCE DE novembro. Día para a lembranza, día para a memoria, pero non a memoria artellada dende o laio ou a mágoa, senón dende a memoria afouta da dignidade. Cada ano que se repite esta data lembramos en Pontevedra aos dez fusilados polos sublevados fronte a un goberno legal (déixense de equidistancias) feito que plantexou un enfrontamento fratricida entre veciños que, nesta cidade e a súa contorna, deixou unha brutal e mesquiña represión coa que non adoitamos enfrontarmos.

Moitas desas vítimas foron mulleres, mulleres ás que o tempo e o desprezo de moitos acantoaron nas marxes da historia, nas que xa adoita poñerse sempre á muller. Elas, no silencio, foron donas da súa dor irreparábel, da perda e da lousa da ausencia da que é imposíbel fuxir. Engadan unha ‘Transición interruptus’ que deixou abertas moitas feridas e con ninguén detrás para tentar pechalas, xa que só se pode nomear a Ley da Memoria Histórica do mefistofélico Zapatero que, aínda que con moitas eivas, si que foi un primeiro chanzo dunha escaleira que moitos se adicaron a boicotear. Así é como iniciativas como as que se veñen desenvolvendo dende o Concello de Pontevedra convértense no único bálsamo contra a ignominia. A necesidade de facer desa memoria alicerce dunha sociedade adulta e orgullosa de seu. A Luis Bará , no seu haber de Feiras Francas , recuperación de espazos urbanos e Salóns do libro tamén temos que apuntarlle esta loita contra o silencio a través da memoria, e neste caso da memoria das mulleres, na que traballa apaixoadamente dende hai uns anos cun resultado que comeza a berrar. Luis Bará non está só, e ao seu carón xente como Pepe Álvarez , Montse Fajardo , María Xesús López Escudeiro , Xiana Iglesias ou María Abilleira están a traballar arreo para a localización de materiais e testemuñas que nos conten a historia e as historias daquelas mulleres traballadoras do campo e do mar, daquelas mulleres pioneiras no ensino e na investigación e daquelas mulleres represaliadas e resistentes. Achegas imprescindíbeis para escribir a historia que ninguén quixo escribir e para facer dela o auténtico monumento dos esmagados tras o alzamento.

Fina, orfa de Ramiro Paz: "Desde entón, cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda, coa atmósfera baixa. Todos os anos fai o mesmo tempo, e para min sempre é igual de triste novembro"

Ao longo deste mes diferentes actos porán en valor o descuberto, cunha especial atención, precisamente, ao papel destas mulleres. Neste día de lembranza dos que foron fusilados nunha dramática xornada, entre as pedras do monolito que os recorda fíxense ben porque nos seus intersticios medran as herbiñas que foron aquelas mulleres que sofriron a súa ausencia. Vida nas pedras, sete viúvas que con 33 orfos convértense en monumento permanente da memoria. Lola Lois ( Ramiro Paz ), Rita Sobrido ( Germán Adrio ), Aurora Poza ( José Adrio ), Blanca Fernández ( Capitán Juan Rico ), Matilde Caamaño ( Amancio Caamaño ), Carmen Julián ( Víctor Casas )e Isabel Gómez Costas ( Telmo Bernárdez ). Así, xuntos, é como deberían ter morto moitos anos despois de que unha bala chea de rancor puxese punto final á súa historia. A todas elas púxolles alma Montse Fajardo o pasado martes no primeiro deses actos de memoria cunha conferencia arrepiante, na que a emoción impedía tomar as notas precisas para apuntar uns datos e unhas historias que se ían afogando nunhas bágoas coas que un loitaba para que non saísen á superficie. O bolígrafo tremía, canto máis tremerían aqueles corpos ante á barbarie e o medo que lles infrixiron sen compaixón, coa consigna de facer dano e de que ese dano se perpetuase no tempo como aviso para a veciñanza.

Admiro a Montse Fajardo, leínlle o libro ‘ Un cesto de mazás ’, imprescindíbel xa para achegarse a este contexto, e cada vez que a escoito falar esa admiración medra. Polo valor de enfrontarse aos rostros e os corazóns aínda doentes dos que gardan esas historias baixo unha coraza, pola necesidade que ten esta comunidade de que esas narracións sigan vivas e por ter a capacidade de presentalas ante o público dunha maneira íntegra, no desterro da carraxe, sen que se lle rache o fío de voz e transmitindo dende a imaxe ou a palabra recollida aquilo que é tan difícil de achegar á xente, o que sentían unhas persoas na ameaza constante, no medo envolto por un silencio por fin rachado. Hoxe, cando estean ante ese monumento e lean os nomes alí inscritos, pensen tamén nos nomes delas, uns nomes enxeridos nun silencio agora feito memoria.

Comentarios