Opinión

Lugo necesita xestión para afrontar esta crise

A pandemia do Covid-19 está a supoñer unha crise sanitaria e económica descoñecida ata o momento. Xusto cando comezabamos a afrontar uns anos de recuperación e de novas oportunidades, atopámonos con este mal soño no que a nosa propia responsabilidade e a dos gobernos actuais marcarán o futuro. Esa chamada "nova normalidade".

Sen dúbida, as administracións locais terán un papel determinante nesta nova etapa. A característica da súa proximidade e posuir competencias fundamentais para axudar a paliar na medida do posible as consecuencias convértea en protagonista esencial, polo que non pode nin debe obviar ese papel. Neste sentido, o Concello lucense conta cunha posición ventaxosa: é unha administración con 10 millóns de superávit e pouco feito durante os anos pasados. Isto fai que contemos con recursos económicos non gastados  que deben ser postos a disposición da nosa sociedade con iniciativas e medidas que favorezan o día a día dos lucenses. 

Nunha cidade cun sector servizos fundamental, con pequenas e medianas empresas que son o noso piar económico, hai ferramentas, como as taxas e impostos municipais, que deben ser revisadas sen demora. Non podemos esixir aos hostaleiros que paguen por terrazas que tiveron pechadas, ou por servizo de lixo, cando non se fixo uso del.  A taxa da auga, o imposto de rodaxe de vehículos profesionais, e outras bonificacións, como no Ibi, para o comercio local, son medidas que  non constitúen solucións definitivas, pero poñen de manifesto o compromiso desta administración co noso sector económico. Desgraciadamente, ata o de agora, asistimos a moitos anuncios, pero escasas realidades. 

A situación de extrema vulnerabilidade de moitas familias, que viron como, de repente, apenas entran ingresos nas súas casas, obriga a reforzar uns servizos sociais xa anteriormente minguados, para evitar esas angustiosas listas de espera e dar solucións o máis axiña posible. Ademais, levamos anos de atraso na implantación dunha administración electrónica eficaz, que agora máis que nunca, fíxose imprescindible. A súa ausencia impediu unha axilidade e resolución máis que necesaria durante esta crise, nun momento no que o presencial deixa de ter sentido, os servizos están colapsados e non se pode interactuar coa administración. 

O goberno municipal ten a oportunidade de sentar as bases para unhas novas políticas sociais e económicas que marquen un punto de inflexión co acontecido durante os anos anteriores. Os nosos veciños precisan solucións, non atrancos; eficacia fronte a colapso; apoio económico, non promesas. Non un "estamos niso", senon un "está feito". 

Desde Ciudadanos Lugo non dubiden que seguiremos esixindo a este goberno que sexa a man tendida para os lucenses; esixiremos responsabilidade ante cada decisión e control de cada euro público para que se destine ao realmente importante, encarar os vindeiros anos con espírito de recuperación e de esperanza.

Comentarios