Lunes. 22.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 22.10.2018
El tiempo

Días de imposición

Marta Veiga.AEP
Marta Veiga.AEP

O PRIMEIRO traballo que lle entreguei a Carme Hermida  mereceu un menos oito. Póñoo en letra, porque así dá a impresión de non ser tan embarazoso. A miña estrea cun suspenso final foi en segundo de carreira. Lingua Galega Oral, outra vez con Carme Hermida. Naquela altura, se estabas feita de material de chapona como era o caso, resultaba o meirande dos dramas. Suspendín galego en xuño. O práctico; no teórico quitei notable (isto escribiuno a chapona). Botei o verán de bolseira no Diario Montañés de Cantabria. Na casa, escoitaba as cintas de A Roda e de Los Tamara de meu pai. Os cassettes de chistes de Farruco. E estudaba listaxes de palabras. Oso e óso. Doce e dóce. Présa e presa. Vai a pola pola póla. Volvín suspender en setembro. Aprobei en terceira convocatoria. Cun suficiente.

Ademais de amolarme porque un suspenso era un escenario no que nunca me vira, mancoume porque eu poñíalle intención. De verdade quería aprender. Colocar os pronomes no sitio, identificar vogais abertas e pechadas. A Terra do Medio é a terra de meu pai —ata aquí, a miña homenaxe a Julio Iglesias— e desexaba que o seu xeito de comunicarse co mundo fose tamén o meu. Axudoume moitísimo a miña tía Carme, que fala ben bonito. Foron tamén un aliciente as noites de sábado melidás, onde o carácter de lingua franca do galego para o lecer, o ligoteo e o bebercio non se discute.

No verán de 1999 saín do armario. Como galegofalante. Foi en Lalín. Chegaba a un sitio novo onde podía facer tábula rasa. Ninguén coñecía o meu pasado pentavocálico con tempos compostos. Nalgún momento entre o segundo e o terceiro milenio, empecei a soñar en galego. No proceso atopei, sobre todo, estupefacción. "¡Con lo bonito que te queda el castellano!". "¡A quién se le ocurre; una chica joven!". Esta é unha das miñas favoritas: "¿Cómo es que pierdes el tiempo con el gallego, si aquí no te hace falta para nada?".

"¿Estás segura de que quieres hablar en gallego, mira que así no vas a encontrar novio". Podería seguir ata o día de Nadal, pero non é o caso.

A Carme Hermida non lle gardo sequera un chisco de carraxe, porque foi unha profesora marabillosa. Non creo que a ninguén lle teñan que dar unha medalla Castelao por aprender o idioma do sitio onde vive. Sobre todo, se esa lingua é unha ferramenta de traballo. Estou certa de que nestes máis de vinte anos que levo en Galicia, se tivese vivido en castelán, ninguén se tería feito cruces. Sería "o normal". Tería dado moitísimas menos explicacións.

Ninguén tería cuestionado os meus motivos. "¿Quieres vivir en la aldea o eres del Bloque?".

A posverdade leva instalada entre nós desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística en 1983. "Siempre lo están cambiando". Mentira, dúas normativas en 35 anos. Cando lle quitaron o til a ‘sólo’ en castelán non vos vin bourar así. "Se han inventado un gallego que no habla nadie". Porque, claro, todas as linguas do mundo deben ter un rexistro culto estandarizado excepto o galego, que é para afalarlle ás vacas. "Es que el niño saca malas notas en Coñe porque se la dan en gallego". Mais o suspenso en Matemáticas non ten nada que ver coa súa comprensión en castelán.

"Un gallego de Lugo y otro de Pontevedra no se entienden". Esta foi onte, no Twitter, a conto de que a un profesor de Filosofía dun instituto de Fuenlabrada lle parece fatal todo #LoDelGallego e pensou que sería unha boa idea meterse a sociolingüista das silveiras. Pobriño.

Días de imposición
Comentarios